martes, 5 de enero de 2016

Cabalgata Reyes Magos 2016 en Santiago de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela ultima os detalles para que na tarde-noite deste martes, 5 de xaneiro, todo transcorra con normalidade e diversión na Cabalgata de Reis. 

Este ano, a celebración será máis participativa que nunca e estará dedicada á música infantil galega. Un bo número de nenos e nenas será parte activa da Cabalgata, como paxes, integrantes do tren ou como integrantes da animación que acompañará a varias carrozas.

Esta Cabalgata temática terá un valor engadido, por canto recoñecerá o labor e contribución da música infantil galega na dinamización lingüística e na formación e educación do novo público dentro do espazo cultural galego. Así, o protagonismo da música non rematará coa súa presenza durante todo percorrido nas carrozas, senón que, ao chegar a comitiva ao Obradoiro, programouse na praza un gran festival infantil galego.

Actuarán María Fumaça, Paco Nogueiras, Magín Blanco coa Nena e o Grilo, Pablo Díaz, Xoán Curiel e Mamá Cabra. Presentarán o espectáculo os coñecidos actores Pepablo Patinho e Montse Piñón, de Teatro dos Ghazafelhos. A animación que acompañará as carrozas destes artistas preparouse en obradoiros previos nos centros socioculturais de Fontiñas, Santa Marta, Vite e O Castiñeiriño. Nenos e adultos participarán así activamente na Cabalgata.

Logo dun sorteo, tamén participarán no percorrido, pero como paxes, nove rapaces. Outro grupo de nenos e nenas irán no tren que pechará a comitiva.

Percorrido 
O percorrido que seguirán os Reis Magos é o de todos os anos: Chegarán á estación do tren ás 17:25 horas e dende alí, media hora máis tarde, sairán cara Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e Praterías, para rematar na praza do Obradoiro.

Bos desexos 
Este ano, na Cabalgata de Reis non só se repartirán caramelos, senón tamén bos desexos. Así, nos centros socioculturais de Conxo, Vite, Fontiñas, Santa Marta, A Trisca e algún máis preparáronse unhas tarxetas para poder escribir desexos que este martes se repartirán entre a xente durante o percorrido.