domingo, 21 de febrero de 2016

Silvia Jato pronunciará o pregón da Feira do viño de Amandi de Sober 2016

A LUCENSE SILVIA JATO PREGOARÁ A XXXVI FEIRA DO VIÑO DE AMANDI 2016

O pregón da XXXVI Feira do Viño de Amandi, que este ano se celebrará os días 19 e 20 de marzo será a cargo da lucense Silvia Jato que será a pregoeira deste ano, sucedendo no posto ao presidente do Atlético de Madrid, Enrique Cerezo.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, agradece a boa disposición da presentadora de televisión e modelo quen, asegura, quedou namorada da Ribeira Sacra e de Sober na presentación que o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra fixo este ano en Fitur, un acto ao que a lucense se sumou.

O rexedor considera que unha persoa “tan coñecida e recoñecida” pola súa labor nos medios de comunicación, galegos e nacionais, “colaborará para que a nosa feira siga tendo toda a difusión que merece e os nosos viños sigan facendo as delicias dos padales máis selectos a nivel internacional”.

Presentación da Feira
O Goberno local do Concello de Sober fará a presentación dos actos da XXXVI Feira do Viño de Amandi o día 20 de febreiro ás doce do mediodía na contorna dos Muíños do Xabrega. Ese mesmo día dará a coñecer o cartel anunciador da feira, así como os actos que se englobarán no Mes do Amandi.

A inauguración oficial da feira, que se celebrará os días 19 e 20 de marzo, correrá a cargo de Adega Proencia en lembranza a seu fundador, Tomás Arias, falecido o ano pasado.