lunes, 7 de marzo de 2016

Pontevedra Musical con "Superpunky"

Pontevedra convértese nunha cidade musical e moi “Superpunky”


O director pontevedrés Pablo Cacheda volve rodar un novo proxecto audiovisual na cidade do Lérez tralo éxito de “Clases de lo social, la webserie”. 

O proxecto conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Pontevedra Film Comission e no elenco artístico con artistas recoñecidos como Fernando González, Sabela Arán, Antea Rodríguez e Cova Berdiñas. 

As notas musicais poranas os grupos galegos Monoulious Dop e Priscila. 

A produtora convoca un casting aberto ao público para diferentes papeis da obra, o venres 11 de marzo na Casa da Luz, na praza da Verdura de Pontevedra. 

 Este martes ás 11.30h na Casa da Luz de Pontevedra, sita na Praza da Verdura, terá lugar a presentación do proxecto musical “Superpunky”, coa presenza de Dna. Anabel Gulías – Concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra-, Pablo Cacheda – director do proxecto-, Fernando González – actor protagonista- e Sabela Arán – actriz protagonista-. Tralo éxito de dúas temporadas da webserie “Clases de lo social”, coa nominación aos Premios Mestre Mateo e o Premio do Público do Festival Carballo Interplay, o realizador pontevedrés volve rodar na súa cidade natal, un novo proxecto musical que conta a historia de dúas amigas, Belén e Rebeca que son íntimas desde pequenas. Ambas comparten os mesmos gustos musicais, pero cando van á universidade os seus gustos musicais sepáranse e comezan a aparecer os conflitos. Entre estes conflitos aparecerá Quique, un antigo, neno prodixio e actual cantautor maldito. Un concerto de Quique, varios anos despois de separarse do seu grupo, servirá de eixo da historia.

Ademais de destacar o talento interpretativo, tanto a nivel musical como actoral e técnico, Pablo Cacheda pescuda “crear un proxecto dun xénero case non explotado en Galicia, dun xeito arriscado e innovador”.  A obra busca amosar todo o talento musical galego integrado nunha historia de ficción, parodiando un musical convencional. 

Ademais, a produtora convoca un casting aberto ao público para este venres 11 de marzo, durante todo o día na Casa Da Luz de Pontevedra, para dous papeis principais de rapazas entre 12 e 16 anos e tamén para todas as idades en diferentes papeis. Os interesados poden inscribirse para participar no e-mail superpunkymusical@gmail.com.

Superpunky é un produción de Volvemos a Primera, coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Pontevedra Film Comission, e o apoio de Cárnicas Lovar, Bar Pasaje, Discoteca Marilyn, O Fogar dos Martínez, Víctor Moledo, Códex Pontevedra e Joaquín Zapaterías.