martes, 22 de marzo de 2016

Visitas guiadas ao Mosteiro do Couto na Semana Santa en Narón

O Concello de Narón retomau o pasado domingo, día 20, as visitas guiadas ao mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, que poderán realizarse ata o 27 deste mes, incluído.

Así o anunciou a concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, que subliñou a boa acollida que ano tras ano -este é o terceiro consecutivo- ten esta actividade durante a Semana Santa. Ao longo de oito días as persoas interesadas poderán visitar diferentes estancias desta construción relixiosa nas visitas que se programarán en horario de mañá –entre as 11.00 e as 13.00- e de tarde –de 16.00 a 19.00-.

    Dúas guías encargaranse de acompañar aos visitantes, en grupos reducidos dunhas sete persoas, polo interior e os xardíns exteriores do mosteiro durante os percorridos, de aproximadamente unha hora de duración. Os visitantes coñecerán diferentes espazos da edificación e recibirán as pertinentes visitas sobre as funcións en cada unha delas e tamén de cómo transcorría o día a día no cenobio na tempada en que estivo habitado. Os interesados terán que cumplimentar unha instancia que se lles entregará á súa chegada ao mosteiro, facilitando os seus datos persoais antes de comezar a visita.
 
“Esta actividade representa unha moi boa oportunidade para a veciñanza de Narón e tamén doutros concellos de coñecer máis en profundidade a historia do cenobio do Couto, un dos edificios relixiosos con máis sona na nosa localidade”, apuntou Hermida. Para máis información pódese consultar a páxina web: www.turnaron.es.

O mosteiro de San Martiño de Xuvia, popularmente coñecido como "do Couto" é o monumento máis representativo de Narón.
Foi mandado construir polo Conde de Traba no século XII, sobre os restos do templo orixinal, anterior ó século X, probablemente do século IX. Seu pórtico e a torre da fachada son posteriores ó século XVIII.