martes, 24 de mayo de 2016

Ficciónate ciclo de cinema galego de corta duración

Ficciónate é nova chamada de atención do cinema galego dos talentos do audiovisual

Este venres 27 de maio ás 22.00h na Casa da Cultura de Negreira preséntase Ficciónate, o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa. 

No ciclo proxéctanse as obras Rancor, El Comediante (precandidatas ao Premio Mestre Mateo), Fálame do silencio (seleccionada no Short Films from Galicia) e Unary (gañadora do Premio Mestre Mateo en 2015). 

Trala proxección, os representantes de cada filme, manterán unha charla aberta co público asistente e unha tertulia que analizará a actualidade do sector. 

Negreira é a segunda parada deste ciclo, tras ser presentado na Illa de Arousa e os próximos destinos serán Pontevedra e Sarria. 

A entrada é libre ata completar aforo. 



 O venres 27 de maio ás 22.00h na Casa da Cultura de Negreira, preséntase Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos dous anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Rancor de Miguel Morales, El Comediante de Óscar Cruz, Fálame do silencio de Lois Blanco e Unary de Luis Avilés proxectaranse no Casa da Cultura de Negreira, tras visitar o Auditorio da Illa de Arousa e tendo como seguintes destinos o Museo de Pontevedra e o Centro A Unión de Sarria.

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación da man de actores contrastados como Miguel Borines (actualmente en Serramoura) e Iago Novoa.

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Rancor é a historia de Teo, un rapaz que durante a súa infancia, sofre o maltrato, a desidia e a vexación de mans do seu pai, tendo a súa nai enferma. O pasado sempre volve, e despois de graduarse nos seus estudios, volve ver ao seu pai logo de pasar moitos anos atrás. 

Tras este drama, os espectadores disfrutarán do humor de El Comediante, a historia de Óscar, un rapaz que intenta traballar no mundo do humor facendo monólogos e atopa nas pantasmas do pasado, unha fonte de inspiración, ademais de vivir diferentes aventuras e desventuras que o axudan a construir o seu texto. Tratando temas de actualidade, ante a dificultade da xuventude de non atopar saída ante os problemas laborais e persoais, enténdese o contexto de Fálame do silencio, unha reflexión sobre unha situación xeracional, da preocupación de “non ver saída”, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila. Por último, a laureada Unary, trata sobre o primeiro día de liberdade de Lucas. Despois de 21 anos en prisión, Lucas enfróntase a un mundo que non coñece, a unha nova vida. Lucas está marcado por unhas rutinas, uns horarios, unha contorna e uns pensamentos que non poderá manter fóra de prisión.

En resumo, en palabras do organizador Andrés Rozados, “O proxecto nace da necesidade de prantexar un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didactica, instructiva e con vocación cooperativa”. Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa coa colaboración de MT Producciones, Pixel Films e Porco Bravú.