jueves, 19 de mayo de 2016

Nabiza Girl nos seráns culturais en Pantón

OS SERÁNS CULTURAIS CHEGAN A PANTÓN O 21 DE MAIO CON NABIZA GIRL.

No marco do programa Seráns Culturais promovido pola Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, tratándose dun total de 30 actuacións repartidas por toda a nosa provincia e que teñen por obxectivo potenciar as industrias culturais galegas de xeito aberto e gratuíto, así pois, unha delas terá lugar en Pantón o noso concello, o espectáculo de Isabel Risco, actriz, clown e pedagoga teatral.

Formada con mestres como Eric de Bont, Jango Edwars, John Wright, Leo Bassi, Serge Nail, entre outros

Dende o ano 2000 participa en espectáculos profesionais nas compañías Espello Cóncavo, Os sete magníficos máis un, Manicómicos e Produccións Desaqueloutradas, coas que ten participado nalgúns dos festivais de teatro e clown máis importantes da península, ademais de na compañía Maquinaria Pesada, cun espectáculo de producción propia: As Vingadoras.

No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en series como Padre Casares, A vida por diante ou Era visto, e outros programas da TVG como O Show dos Tonechos, Land Rober e Tourilandia; ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longametraxe, como Os mortos van ás présas, Onde está a felicidade? ou 9 Ondas.

Deste xeito, a Asociación Cultural O Castro exercerá de anfitrioa nesta ocasión para recibirmos a “Nabiza Girl”, polo que facemos público a promoción e difusión deste evento, de entrada totalmente gratuíta, este espectáculo terá lugar o vindeiro sábado, 21 de maio de 2016 no edificio Socio Cultural de Pantón situado na praza do Concello ás 20:00 horas. 

Polo tanto se credes que precisades dos seus servizos non tedes máis que aturuxar que, desde O Pindo, escoita que flipas porque ten unha acústica bárbara. Sabedes quen é, non?

É Chelo Garcia Naveira, máis coñecida como Nabiza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e os seus poderes proveñen do sulfato.

Dende a Asociación Cultural O Castro convidámosvos a todas e todos a participar neste evento tan interesante e para todos os públicos. Así que xa sabedes, ¡Ídesvos super-esperrechar de risa!