martes, 21 de junio de 2016

Obradoiro científico culinario de Pepe Solla en Afundación

Pepe Solla imparte mañá en Afundación o obradoiro científico-culinario COCIÑAconCIENCIA

O proxecto ten como obxectivo concienciar a cidadanía sobre os riscos habituais que afectan na seguridade alimentaria 
Na aula de cociña da Sede Afundación de Vigo de 18.00 a 20.00 h 

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) acolle mañá, mércores 22 de xuño, de 18.00 a 20.00 h, na aula de cociña da Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26), o terceiro obradoiro científico-culinario enmarcado dentro do proxecto COCIÑAconCIENCIA, impartido polo recoñecido chef Pepe Solla. A iniciativa, á que asistirán 25 participantes, pretende concienciar a cidadanía dos riscos habituais que afectan á seguridade alimentaria, poñendo á súa disposición diversos instrumentos que contribúan a promover prácticas seguras de manipulación de alimentos no ámbito doméstico.

A actividade principal do proxecto constitúena os obradoiros científicos de cociña, desenvolvidos a modo de show cooking, e capitaneados polo cociñeiro Pepe Solla, que, máis aló de mostrar simplemente a preparación de pratos a partir de receitas de cociña, combina ciencia e lecer e establece unhas pautas coas que os participantes adquirirán novas aptitudes e coñecementos en seguridade alimentaria, co fin de espertar a súa curiosidade en aspectos que nos afectan a todos no día a día. Así mesmo, cada un dos obradoiros dará lugar a unha serie de audiovisuais que se difundirán por diferentes medios, como a televisión, YouTube ou o propio portal web de COCIÑAconCIENCIA.