miércoles, 27 de julio de 2016

A travesía Navega o Camiño chega a Coruña

A primeira travesía ‘Navega o Camiño’ chega á Coruña cun cento de peregrinos a vela que estrean a nova ruta marítima que afianza a cidade como destino náutico e xacobeo


·      Os navegantes foron recibidos no palacio municipal de María Pita polo alcalde, Xulio Ferreiro, e o responsable municipal de Turismo, Alberto Lema, que celebraron a importancia do proxecto para o turismo na cidade


·      Unhas 40 embarcacións chegaron á cidade na primeira travesía despois de percorrer os portos de Hondarribia, Santander, Xixón, Viveiro e Cedeira para facer noite no porto final antes de desprazarse a Santiago



Un cento de navegantes a bordo de 40 embarcacións arribaron na tarde deste martes á Coruña, na primeira travesía ‘Navega o Camiño’ logo de percorrer os portos de Hondarribia, Santander, Xixón, Viveiro e Cedeira dende o 18 de xullo. Os participantes nesta iniciativa coa que se estrea a nova ruta xacobea de navegación a vela foron recibidos no Concello da Coruña polo alcalde, Xulio Ferreiro, e o responsable municipal de Turismo, Alberto Lema, que celebraron este proxecto que impulsa A Coruña como destino náutico e xacobeo e que ten o apoio do Consorcio de Turismo. 



O rexedor deu a benvida aos afeccionados á vela e lembrou que A Coruña é unha cidade mariñeira arrodeada polo Atlántico na que o faro en activo máis antigo do mundo, a Torre de Hércules, segue guiando aos navíos. Pola súa parte, Jesús González-Aller, presidente da asociación impulsora do proxecto, North Marinas, destacou que completada a primeira travesía, agora queda establecida unha nova ruta xacobea con carácter permanente.


As embarcacións foron chegando a Marina Coruña, porto final da ruta inaugural, a partir das tres da tarde. Despois da recepción no Palacio Municipal, os tripulantes pernoctan na cidade para desplazarse o mércores por estrada e percorrer a pé os últimos dez quilómetros ata Santiago onde, por primeira vez, obteñen a Compostela por unha peregrinación marítima. Grazas ao acordo coa Catedral, dende este ano calquera peregrino poderá realizar o Camiño de Santiago co recoñecemento oficial transitando polo menos 100 millas náuticas da ruta marítima coa credencial selada nos portos de North Marinas de País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia que participan no proxecto ‘Sail the Way’, apoiado por Turismo de A Coruña


Turismo de A Coruña subscribiu a semana pasada un convenio de colaboración coa asociación North Marinas para a promoción do producto turístico ‘Sail the Way - Navega o Camiño”. No marco deste acordo, a cidade promocionarase nos salóns náuticos de Southampton, París, Dusserldorf e La Rochelle. Alberto Lema remarcou a “posición privilexiada” da Coruña como porto natural de chegada desta nova ruta xacobea a vela. A previsión do proxecto ‘Sail the Way’ é ampliar a rede de portos colaboradores máis alá da costa española e que en diante se sumen localidades costeiras de Francia e Reino Unido, fortalecendo un produto turístico dirixido a potenciais peregrinos e afeccionados á náutica, que beneficiará a chegada de turistas internacionais á Coruña reforzando a importancia do Camiño Inglés.