viernes, 22 de julio de 2016

Coruña destino náutico e xacobeo impulsa a primeira ruta de peregrinación a vela

A Coruña reforza a súa posición como destino náutico e xacobeo co impulso á primeira ruta de peregrinación a vela 

·      O presidente do Consorcio de Turismo de A Coruña, Alberto Lema, asinou este venres un convenio de colaboración coa asociación de portos náuticos North Marinas para o proxecto ‘Navega o Camiño’

·      A primeira travesía chegará á cidade o día 26 despois de percorrer os portos de Hondarribia, Santander, Xixón, Viveiro e Cedeira coa participación dun cento de navegantes

­ O presidente do Consorcio de Turismo de A Coruña, Alberto Lema, asinou na mañá deste venres un convenio de colaboración para a promoción do producto turístico ‘Sail the Way / Navega o Camiño”, un proxecto que supón a creación da primeira ruta xacobea de navegación a vela, que potenciará o turismo na cidade. A iniciativa está impulsada pola asociación North Marinas, que agrupa portos náuticos de País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia. En todos eles os navegantes poderán selar a credencial para obter a Compostela a partir de 100 millas náuticas que se completan un percorrido a pé de dez quilómetros para chegar a Santiago, cunha vez obtida a autorización da Catedral de Santiago. Lema destacou que se trata dunha “excelente noticia para A Coruña” na que conflúen “dous obxectivos estratéxicos para a cidade: a promoción do Camiño Inglés e o turismo náutico”. 

A Coruña é o porto no que “recalarán a práctica totalidade dos navegantes”, indicou Jesús González-Aller, presidente de North Marinas. Destacou tamén que se trata dun “camiño permanente, que se une aos camiños tradicionais por terra”. Para lanzar esta ruta, estase a realizar a primeira travesía ‘Navega o Camiño’, que chegará á Coruña o día 26 despois de percorrer os portos de Hondarribia, Santander, Xixón, Viveiro e Cedeira cun cento de tripulantes a bordo dunhas 40 embarcacións. 


Promoción internacional da Coruña como destino náutico

O convenio de colaboración entre Turismo de A Coruña e North Marinas inclúe a promoción da cidade como  destino nos salóns náuticos de Southampton, París, Dusserldorf e La Rochelle, así como noutros soportes promocionais do proxecto. Alberto Lema remarcou que se trata dun aposta cun “retorno asegurado” tendo en conta a “posición privilexiada” da Coruña cunha colaboración económica que ronda os 3.500 euros.


A previsión do proxecto ‘Sail the Way’ é ampliar a rede de portos colaboradores máis alá da costa española e que en diante se sumen localidades costeiras de Francia e Reino Unido, fortalecendo un produto turístico dirixido a potenciais peregrinos e afeccionados á náutica, que beneficiará a chegada de turistas internacionais á Coruña.