jueves, 14 de julio de 2016

Festival Rock A Fábrica, Oleiros

Os grupos que ensaian na Fábrica en Oleiros ofrecen o domingo un concerto en Santa Cristina

Os grupos que ensaian nas instalacións municipais da Fábrica ofrecerán un concerto este domingo 17 de xullo a partir das 18:00 horas na praza afundida de Santa Cristina. Aínda que algúns deles xa acumulan unha importante experiencia, para outros será a súa primeira actuación en directo.

Catro grupos de estilos moi diferentes poñerán a nota de cor musical a unha tarde de praia. Abrirán ás 18.00 h os Max Day, un trío que tocará o seu pop rock para acompañar os paseantes durante o transcurso da tarde. Despois  continuará Barón Ashler, unha cover band que fará un repaso por temas clásicos dos grandes do blues, rock e do pop. Serán os Theta Waves os que poñerán os sons máis poderosos e descarnados co seu punk rock cando caia a luz. E pechará este día de música e convivencia, Chásis, unha banda que xa se está a facer un oco en importantes festivais, e asiduo ás finais dos concursos de bandas nos que co seu rock enerxético e fresco farán saltar a todo o que se anime a pasarse sobre ás 22.00 h.

Hai xa máis de dous anos que o local de ensaio municipal da Fábrica abriu as súas portas aos músicos de Oleiros. A día de hoxe son case vinte os grupos que participan semanalmente e que veñen utilizan as instalacións municipais para ensaiar.

Ademais do uso destes espazos, lévanse a cabo múltiples accións formativas conducidas por profesionais da docencia para complementar a súa formación musical de cara aos ensaios e ás actuacións que se poidan levar a cabo fóra dos locais.