jueves, 28 de julio de 2016

Fiestas y cultura en Coruña, toda la agenda del mes de Agosto

A Coruña en agosto, todo un mes de festa e citas culturais


·      Concertos, actividades para nenos, feiras e actuacións copan o programa das festas de María Pita 2016  

·      Este ano A Coruña é a meta da regata de grandes veleiros The Tall Ships Races, todo un espectáculo que recala no porto herculino do 11 ao 14 de agosto

Bo clima para gozar do verán, unha atractiva oferta gastronómica con auténtico sabor a Atlántico, dous quilómetros de praias no centro, o paseo marítimo máis longo de Europa... A Coruña é unha cidade viva e acolledora perfecta para gozar das vacacións e máis aínda durante o seu mes de festas grandes. Este ano a axenda de agosto vén cargada de atractivos eventos polos que vale a pena a visita: As Festas de María Pita, que se estenden durante todo o mes, a edición número 30 do festival Noroeste Estrela Galicia ou a espectacular escala final da regata de grandes veleiros The Tall Ships Races, sen esquecer as tradicionais feiras do libro e do cómic ou o trofeo Teresa Herrera de fútbol 2016 . A cidade prepárase para ofrecer diversión e cultura.



O pregón a regatista olímpica Sofía Toro abre as festas de María Pita para dar paso ao concerto inaugural de Carlinhos Brown esa mesma noite na praza de María Pita. Nouvelle Vague, Ute Lemper, Carlos Baute, Ane Brun, Loquillo... as citas musicais, as feiras, o teatro de rúa para nenos e multitude de eventos sucédense durante todo o mes, combinando os escenarios centrais cos barrios da cidade. Para o público familiar non faltan contacontos, teatro, monicreques e máis espectáculos a pé de rúa.





Do 2 ao 7 de agosto, concertos de 60 bandas que actuarán na praia de Riazor e outros oito escenarios urbanos, algúns tan singulares como o castelo de San Antón, que alberga o museo arqueolóxico da cidade. Editors, Ocean Cor Scene ou Freedonia forman parte dun cartel atractivo e ecléctico, nunha cita musical única en España cargada de concertos gratuítos ao aire libre.





XIX Salón Internacional do Cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’ 

Do 8 ao 14 de agosto, os personaxes de cómic toman de nuevo A Coruña. ‘Viñetas desde o Atlántico’ volve a súa mirada aos heroes reais que protagonizan as historias de corte social máis recentes do mundo do cómic. A Coruña convértese na primeira cidade non cervantina que acolle a exposición organizada para conmemorar o IV Centenario da Morte de Miguel de Cervantes, da man de dúas dos galegos Miguelanxo Prado e David Rubín.




Escala final da regata The Tall Ships Races

Do 11 ao 14 de agosto, o porto da Coruña convértese en escenario central do evento náutico de referencia deste verán en Europa. Grandes veleiros de todo o mundo chegan á Coruña na regata The Tall Ships Races, despois de percorrer Amberes, Lisboa e Cádiz. A cidade é este ano a meta final e durante catro días os visitantes poderán coñecer os 34 barcos de 16 países e gozar de actividades culturais  no 60 aniversario da regata, que chegou por primeira vez á cidade en 1958.




Feiras culturais e citas deportivas

Nos céntricos xardíns de Méndez Núñez os visitantes poden gozar da Feira do Libro (do 1 ao 10 de agosto), a Feira de Artesanía (do 1 ao 14 de agosto) e a continuación a feira de produtos galegos Made in Galcia (do 15 ao 28 de agosto). 

Na Coruña, a cultura combínase co deporte durante o mes de agosto, que trae o tradicional trofeo Teresa Herrera de Fútbol, que este ano cumpre a súa edición LXXI e enfrontará ao Deportivo co Vilarreal o 9 de agosto. O 6 de agosto na baía do Orzán gózase do XXXI Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras.


Oito visitas guiadas e unha tarxeta para coñecer a cidade

Para descubrir a fondo a cidade os visitantes teñen á súa disposición nas oficinas de Turismo a tarxeta Coruña Card, que dá acceso ás principais atraccións turísticas da cidade: a Torre de Hércules (declarada Patrimonio da Humanidade por ser o faro en funcionamento máis antigo do mundo), o Aquarium Finisterrae, a Domus, a Casa das Ciencias e o Museo Arqueolóxico. 

Ademais, durante todo o mes poderán gozar das oito visitas guiadas dramatizadas que Turismo da Coruña organiza para descubrir os aspectos máis singulares da cidade: desde as pegadas de Picasso ata os segredos do cemiterio de San Amaro, pasando por unha visita especial para o público infantil: Descubrindo con Catuxa. Toda a información está dispoñible nas oficinas de Turismo da Coruña e a web turismocoruna.com.