miércoles, 10 de agosto de 2016

Festival do Castro 2016

FESTIVAL DO CASTRO, 20 DE AGOSTO . 11 ANOS, E SEGUIMOS AQUÍ !!!!!


O Festival do Castro, é un dos eventos con maior “sona” dos que se celebran na Ribeira Sacra, está a piques de cumprir, o vindeiro 20 de Agosto, o seu once aniversario. Nace da necesidade de dignificarmos a cultura musical que nos é propia e do orgullo da pertenza a unha colectividade que ten forxado, ao longo da súa historia, un xeito de vida e de asentamento no territorio rural.

Agora o evento, que foi iniciativa da Asociación Cultural O Castro que promove e organiza dende aquela altura esta cita, é unha cita imprescindible do verán galego.

Co paso do tempo, este Festival ten acadado un lugar de seu no panorama festivaleiro da Galiza. Non foron poucos os atrancos que houbo no camiño, por iso, cada agosto, a satisfacción das persoas que o promovemos e o organizamos é moita, así coma os agradecementos que debemos a quen, dende o ámbito da empresa privada, colabora, para que ao cabo, sempre se celebre. Grazas a eses máis de 200 negocios da Ribeira Sacra e do país enteiro polas vosas achegas, sen elas, esta sería unha aventura imposible.

Grazas tamén a ti, que estás lendo esta carta e que case seguro te vexamos, de día ou de noite, para falarmos, xantarmos, ou se cadra, darmos uns brincos  nunha xornada na que a xolda e o divertimento están asegurados. Se queres festa e cultura, o día 20 de agosto vémonos no Castro de Ferreira coa seguinte programación:

Dende a mañá abrimos dende ás 11.00 horas co Obradoiro de Brinquedos Sonoros e coa Feira de Artesanía durante todo o día, con todiño o preciso, barro, coiro, prata, macramé,… Calquera interesado en formar parte da mesma pode facelo a través do contacto no teléfono 687 887 538 e se ou no correo electrónico festivaldocastro@gmail.com e a maiores o

Para despedirnos da mañá, a partires das 13.00 horas repetiremos nesta edición o Vermú Gaiteiro, foliada con gaita ou calquera instrumento aberto á participación libre e convite á 1ª volta ós músicos!

Xantar Popular ás 14.00 horas, O prezo do xantar será de 15 euros (10 euros para os cativos ata os 12 anos).

O aforo é limitado e deben reservar o xantar ata o xoves día 18 (incluído) no teléfono 636 537 474,  no correo xantarfestivaldocastro@gmail.com ou mercar a entrada nos seguintes establecementos:

PANTÓN: Bar Carabelos

MONFORTE: O Anchoas

O menú, non ten fallo, a fartar de empanada, pementos de Herbón, carne ó caldeiro, lamboadas e refresco, viños D.O. Ribeira Sacra, e café de pote con gotas!


Café-concerto ás 15.30 horas, exercicio de reanimación dixestiva ó cargo do “Cé Orquestra Pantasma” no que promete baile e ledicia a través dunha viaxe por diversas músicas do mundo enteiro.

Actividades de tarde, especiais para o público miudo, dende as 17.30 horas na sesión de tarde nos balcóns do Castro de Ferreira.

Acompañarannos varios colectivos especializados en actividades de entretemento infantil, e con reputacións contrastada. O programa será variado, e incluirá sorpresas que deixarán coa boca aberta, a meirande parte dos seus asistentes. Trátase tamén de actividades que procuran a interacción no público e moitas das nosas crianzas serán as protagonistas dalgunhas actividades.

Que será? Como será? Que farán?

Ven descubrilo canda nós, á tardiña,
Anoitecer no Castro, ás 21.00 horas, nas costas do Castro, nun escenario de luxo e tralo éxito da edición anterior este ano tócalle a “Blues do País”, un dos grupos revelación do panorama musical galego.

Concertos do Festival do Castro, dende as 23.00 horas, o forte do festival, unha das edicións de verdadeiro luxo, insistimos, non se pode dar máis e mellor! Un cartel mundial, atómico;

Nesta edición contaremos cos imprescindíbeis Bloquinho de Xermolos, Coanhadeira, Once Tiros dende Uruguay, Skandalo GZ e NAO.

E ao remate da música no escenario, non escapes, seguimos na carpa con SoundKilla cos mellores sonidos até o amencer!