martes, 23 de agosto de 2016

Teatro en Cee con A EsCCEna

Ernesto Chao, Mela Casal,Triatreros, Quico Cadaval e Celso Sanmartín nas últimas xornadas de Á EsCEEna!

  Á EsCEEna! pasou o ecuador desta edición. Funcións ás 21.30 horas con entradas a 7 € e bonificadas a 5 € estudantes, pensionistas e desempregados.

Martes 23: Noiteboa. Escrita por Borja F. Caamaño e Álex Sampayo e, dirixida por este múltimo chega a Cee esta traxicomedia, que conta no seu reparto con Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo. É tempo de Nadal en Compostela con todo o que eso conleva: os agasallos, as panxoliñas, as ceas en familia e o xa tradicional rapto do Neno Xesús da Praza do Obradoiro. Ninguén debería cear só en Noiteboa e por iso Mariví fará todo o posible para que durante unhas horas, Arturo, Nico e máis ela sexan unha familia de verdade. A obra acaba de ganar o premio María Casares 2016 na categoría de actriz principal (Mela Casal).


Mércores 24: Impronews. O último gran éxito da compañía Triatreros. … Que pasará? Realmente nin eles mesmos o saben xa que o seu espectáculo é totalmente improvisado!Antes do comezo da función o público recortará noticias reais e inventará as súas propias, a partir deste material 3 hipervitaminados reporteiros darán vida o material en forma de escenas humorísticas e hiperbólicas que divertirán o público asistente. O espectáculo conta tamén cun incandescente mestre de cerimonias que conducirá o espectáculo, animará o público e poñerá obstáculos os improvisadores. Politicamente incorrectos e divertidos os Triatreros voltan a Cee despois do éxito acadado o ano pasado.

Xoves 25: Os contos de Joselín. Historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… Baseado no libro Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Un espectáculo de aCentral Folque que fai estalar o riso en todas as xeracións, dos maiores aos máis pequenos, sen distición cos contadores -e cantadores- Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e Jose Luis Gutiérrez “Guti”.