domingo, 30 de octubre de 2016

Samaín e magostos en Monforte de Lemos

Outono en Monforte con moitas actividades


O Concello de Monforte preparou un conxunto de actividades relacionadas co outono e que se van celebrar nos próximos días na contorna da Praza de Abastos, coincidindo tamén coa celebración do Samaín. A programación inclúe actividades dirixidas ós máis pequenos da casa, como por exemplo, contacontos, baile de disfraces, obradoiros de maquillaxe ou cabazas e xogos infantís.

Por outra parte, está previsto que haxa unha exposición de cogumelos  e un mercado de produtos naturais e típicos do outono. As bases e as solicitudes para que os comerciantes poidan exhibir e vender os seus produtos neste mercado estarán dispoñibles mañá na páxina web do Concello.

O Alcalde, José Tomé Roca, adiantou tamén que “temos previsto facer un magosto popular, que se celebrará o sábado 12 de novembro, e ó que queremos convidar a toda a xente. Será de 19 a 21 horas fronte á Praza de Abastos”. Ademais, a programación deseñada polo Concello de Monforte inclúe unhas xornadas de iniciación á micoloxía, haberá clases teóricas e tamén saídas ó monte con guía e degustación. As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán poñerse en contacto co Espazo Gastronómico A Picota e Terras de María Castaña. Por outra parte, haberá unha xornada didáctica sobre o aproveitamento dos recursos do monte no outono. O programa inclúe tamén Xantares especiais de menú Samaín, que irán dirixidos a toda a familia.

O Alcalde, José Tomé Roca, apuntou que “o obxectivo do programa O outono na Praza que deseñamos é promover e difundir a nosa Praza de Abastos. O que queremos é que os nosos veciños participen e se involucren para poder potenciar o comercio local. Ademais dende o Concello queremos sumarnos á celebración da festa do Samaín, e por iso deseñamos un amplo programa de actividades”. O mandatario local subliñou tamén que “esta iniciativa non podería levarse adiante sen a colaboración dos propios praceiros e do Espazo Gastronómico”.

José Tomé Roca apuntou tamén que “dentro das actividades de dinamización da Praza, queremos que os nenos se familiaricen con ela e teñan un protagonismo. Por iso, todo o que fagamos cos cativos será na chamada pequepraza, será un espazo que estará sinalizado no interior do local e que poderá variar de ubicación en función da actividade. O obxectivo é que os nenos se acheguen ó comercio de proximidade”.

Na Oficina de Promoción Económica do Concello, ubicada nas Casitas da Compañía, é posible obter máis información sobre todas estas actividades.