miércoles, 19 de octubre de 2016

Samaín en Santiago de Compostela

O Concello de Santiago quere apostar polo Samaín tradicional. Por iso, os concelleiros de Educación e de Comercio, Manuel Dios e Marta Lois, respectivamente, veñen de presentar o programa municipal para conmemorar estas festas. Na rolda estiveron acompañados de Rafael López Loureiro, mestre e impulsor do Samaín en Galicia.

Manuel Dios destacou que "co modelo tradicional en perspectiva o Concello de Santiago pretende contribuír á recuperación do Samaín máis auténtico". A programación inclúe unha conferencia no Cersia o próximo martes 18 de outubro para equipas directivas dos centros escolares, profesorado de plástica, de normalización lingüística, asociación culturais e de veciños e veciñas a cargo de Rafael López. Leva por título "Do Samaín ao Hallomain".

Concurso de escaparatismo 

Do día 11 e ata o 29 haberá varias charlas e obradoiros nos centros escolares e centros socioculturais e, a partires do día 25, celebrarase o concurso de escaparatismo, con tres premios os comercios mellor decorados e orixinais de acordo ao Samaín tradicional. Marta Lois sinalou que "dende o Departamento de Comercio tamén nos quixemos sumar á celebración dunha festa que consideramos de moito arraigo en Compostela e en Galicia. O Samaín é un evento noso, cunha significación propia. Por iso lanzamos o concurso de escaparatismo para este Samaín, no que os motivos dos escaparates dos comercios da nosa cidade que queiran sumarme estarán vinculados á recuperación do Samaín orixinal en Compostela".

Os establecementos que participen no concurso deberán permanecer iluminados ate as 23:00 horas. A organización poderá establecer exencións a esta norma xustificadas por motivos de seguridade que esixan a retirada da mercadoría exposta nos escaparates.

O xurado estará composto polo concelleiro e concelleira de Educación e Comercio, respectivamente, unha persoa representante dos departamentos de Comercio e Educación, representantes das asociacións de comerciantes da cidade e unha persoa profesional do sector do interiorismo e a decoración. Valorarase a adecuación e ambientación, o aproveitamento dos recursos propios ou a exposición, unidade e composición do produto.

Os comercios deberán manter os escaparates presentados a concurso, sexan ou non premiados, ata, cando menos, o 2 de novembro