martes, 8 de noviembre de 2016

Magosto Ourense 2016

O Magosto do concello de Ourense 2016


Venres 11 novembro

Mil quilos de castañas, 2.000 racións de pan con chourizo -tamén para celíacos-, 1.000 botellas de auga, viño novo e música. Son os ingredientes do Magosto popular que organiza o Concello de Ourense para este venres na Alameda desde as 17:00 horas. 

“Unha das celebracións, xunto ao Entroido, que máis nos singularizan como pobo, e que nos chama a reunirnos con amigos e familiares para degustar os produtos típicos de tempada”, resumía o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “pero por enriba de todo, para desfrutar da amizade, da convivencia, do pracer de pasar o noso tempo libre coas persoas ás que máis queremos”, dixo.

O Magosto, que foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense, quere combinar o lecer de todas as idades, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias. O programa comezará ás 17:00 horas co acendido da fogueira, e ás 17:30 horas comezaranse a vender as entradas ao prezo de 1 €. Os máis pequenos terán o seu espazo cos obradoiros infantís, que comezarán a esa mesma hora.

A música correrá da man das Daniñas de A Ponte, que irán animando o público desde as rúas do casco vello e do centro da cidade até a hora do reparto da comida, ás 18:00 horas. Xa en plena Alameda, o grupo De pé feito amenizará a sesión con música tradicional desde o templete.