martes, 15 de noviembre de 2016

Visita o cemiterio de Boisaca en Santiago de Compostela

O sábado, 19 de novembro, está programada unha visita aberta para toda a cidadanía ao cemiterio de Boisaca

As prazas estarán limitadas a 20 por quenda, realizándose un itinerario pola mañá e outro pola tarde, con saída ás 11:30 e ás 16:00 horas de diante da capela. Esta actividade forma parte do programa Vivir Santiago, promovida pola Concellaría de Educación e Cidadanía.

A través deste itinerario, guiado por profesionais de Etnoga, preténdese afondar no coñecemento de aspectos relacionados coa historia e o urbanismo de Compostela, coa arte e a simboloxía funeraria, coas persoas soterradas, coa memoria histórica e mesmo co cine e coa literatura.

Na entrada principal da necrópole trataranse temáticas relacionadas cos antecedentes de Boisaca, as fases construtivas e a tipoloxía arquitectónica. Posteriormente, proseguirase cun percorrido polo interior do recinto cunha serie de paradas a través das que se analizará a súa distribución e organización, con especial fincapé nas zonas verdes e nos seus usos. Tipoloxicamente analizaranse os diversos tipos de sepulturas e os materiais construtivos, así como artistas e obradoiros.

De xeito paralelo á identificación da autoría de obras funerarias, irán xurdindo os nomes de mulleres e homes soterrados que destacaron a nivel local e autonómico. Artistas, xornalistas, escritoras e escritores, empresarias e empresarios, profesionais da medicina ou personaxes populares, entre outros moitos. O percorrido remata no monumento ás persoas que entre os anos 1936 e 1938 foron fusiladas nos muros do cemiterio.

Colaboración nas redes sociais 

Ademais, a Concellaría de Educación e Cidadanía puxo en marcha unha actividade colaborativa aberta a toda a cidadanía en relación a esta actividade. Con ela preténdese afondar nas particularidades do camposanto coñecidas pola veciñanza e non recollidas nos arquivos. A través das redes sociais, cada persoa poderá achegar información empregando o hashtag #BoisacaEnRede.

Máis información no Departamento de Educación e Cidadanía, a través dos teléfonos 981 554 400/401, do fax 981 571 511 ou da dirección de correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal ou na web http://santiagodecompostela.gal/

No hay comentarios: