sábado, 24 de diciembre de 2016

Certificación medioambiental das praias de Carballo

Carballo renova por terceiro ano consecutivo as certificacións internacionais que avalan a calidade medioambiental das súas praias

O Concello de Carballo renova por terceiro ano consecutivo as certificacións internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos para as praias de Razo, Baldaio-Saiñas e Pedra do Sal. Trátase da ISO 14.001 e do Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), este último o máis esixente dos que están implantados en Europa a nivel de xestión ambiental. O obxectivo destas certificacións é o de promover a mellora constante do medio. Trátase dun sistema voluntario para organizacións dispostas a comprometerse a avaliar e mellorar as súas prestacións dende o punto de vista ambiental.

A implantación dos certificados supón a mellora na calidade da xestión medioambiental, o aforro de recursos ou a redución de custos

A obtención do EMAS supón un traballo de meses que require unha avaliación previa que esixe unha serie de requisitos lexislativos e regulamentarios, ademais duns criterios, uns servizos e unhas prácticas medio ambientais concretas. Tamén deben terse en conta as incidencias que teñan repercusión no medio ambiente, ademais de xerarse un sistema de resolución de problemas. Así, en caso de darse algunha situación de emerxencia, o EMAS  proporciónalle ao Concello un sistema documentado de ensaio que valida calquera emerxencia con accións correctoras e preventivas, que tamén minimicen a posibilidade de que volva a darse esa situación no futuro.