sábado, 10 de diciembre de 2016

Programación Nadal 2016 en Santiago

Actividades Navidad 2016 Santiago de Compostela

Contos de Nadal, Teatro infantil, bailes, concertos...

Os CSC, no epicentro da programación 

A rede de centros socioculturais xogará un papel fundamental na programación do Nadal. Como novidade, este ano converteranse polas tardes nun espazo para a conciliación, complementando a oferta que fai a concellería de Educación pero que se limita ao horario de mañá. Deste xeito, os centros de Fontiñas, Vite, Santa Marta, Conxo, Trisca e Castiñeiriño ofrecerán xogos e talleres lúdicos dirixidos por monitores, de catro da tarde a nove da noite, e que serán gratuítos para as familias.

Outras das novidades nos centros socioculturais serán a sesións de cine familiar, que se sumarán a outras propostas arraigadas como as funcións de teatro, o Agasallo Viaxeiro, os obradoiros de temática relacionada co Nadal ou as visitas dos paxes reais. Ademais, os centros organizarán un mannequin challenge colectivo, cuxo resultado será difundido a través das redes sociais. Por último, a rede organizará unha gran festa de fin de ano no centro de Santa Marta, o 30 de decembro.

Propostas para a mocidade 

Este ano, a programación de Nadal quere prestarlle máis atención á mocidade, e intensifícanse as actividades dirixidas a este grupo de idade e centradas na cultura urbana. Os epicentros serán a praza Roxa, onde se instalará unha carpa con actividades específicas para os mozos e mozas; Área Central, escenario dun campionato de street battle; e a Praza de Abastos. Co obxectivo de achegar aos máis novos ao mercado, haberá concertos a pé de rúa de grupos noveis da cidade, que serán gravados para editar un vídeo. Ademais, a Praza será sempre o punto de partida dos concertos que varias corais van ofrecer por toda a cidade.

Tamén pensada para os máis novos son algunhas das propostas de Nadal do Departamento de Deportes, que vai poñer en marcha o programa Compostela Aventureira no pavillón municipal de Lamas de Abade. Trátase dunha actividade de balde dirixida ás familias, que poderán participar en equipo en diferentes carreiras de obstáculos e probas de habilidades.

Nadal doutros tempos e doutros lugares 

A programación de Nadal tamén nos dará a oportunidade de coñecer tradicións doutros tempos e doutros países durante estas festas, grazas ás propostas organizadas dende a Concellaría de Políticas Sociais. Así, haberá obradoiros de cociña típica de países como Colombia, Perú ou Chile, que se desenvolverán na Praza de Abastos, e tamén sesións de contos de Nadal deses outros lugares.

Unha das propostas máis chamativas do Departamento de Políticas Sociais son os "Contos de Nadal e Nadal doutros tempos", sesións que se desenvolverán nos centros socioculturais e nas que os máis novos poderán saber como vivían o Nadal outras xeracións.

A programación de Nadal complétase con teatro infantil, actuacións da Real Filharmonía e da Banda de Música, un concerto de góspel, unha ópera para nenos, ou a tradicional Festa de Fin de Ano na praza do Obradoiro. A praza máis emblemática da cidade estará ambientada durante o Nadal co "Bosque dos Contos, Cantos e Sons de Nadal" a partir do día 16, mentres que dende o 8 de xaneiro poderase visitar o Belén tradicional na Igrexa de San Fiz. O Departamento de Festas está ultimando tamén os detalles da Cabalgata de Reis, que este ano levará o lema "A ruta dos desexos". 

No hay comentarios: