Entroido en Silleda 2017

Programación entroido en Silleda dende o 17 de febreiro ata o 5 marzo

O programa festivo de entroido no municipio de Silleda arranca a vindeira fin de semana coa cita de Lamela. As actividades foron presentadas hoxe no Concello por parte do alcalde, Manuel Cuiña e a concelleira de Cultura e Turismo, Ana Luisa González, así como por membros de distintas asociacións organizadoras.

O programa vai do 17 de febreiro ata o 5 de marzo con distintas propostas para todas as idades e o tradicional entroido do Ulla como protagonista.

A parroquia de Lamela será a primeira parada do percorrido o vindeiro sábado día18 . A partir das 16.00 horas comezará o tradicional desfile de carrozas dende Barravaite e no campo da festa terá lugar ás 18.00 horas a batalla dialéctica con Alto dos Xenerais. A cita está organizada pola Asociación de Xenerais de Lamela (Anxela) representada hoxe por Alfredo Espiño. Ao rematar o Alto actuará o dúo Montse e Pachi que volta pola noite para o baile de difraces e a entrega de premios.

Tamén na xornada do sábado 18 se celebra o Concerto de Entroido da Escola de Música Municipal de Bandeira, ás 12:00 horas no Auditorio Manuel Dopazo e nesta mesma xornada a asociación de veciños A Costa de Abades celebra unha comida de entroido no centro social da parroquia.

A cita cos Xenerais da Ulla volta o fin de semana seguinte á Bandeira. Alí o programa organizado pola Asociación de Xenerais do Entroido da Bandeira arranca o venres día 24 coa xa tradicional Vellada e o Tractor Filloeiro que iniciarán o percorrido ás 20.30 dende a praza da Feira pasando pola rúa Ramón de Valenzuela, rúa Xeral e Camilo José Cela. Haberá filloas gratis e chourizo para os que vaian disfrazados de vellos/as e o tractor venderá estes pratos no seu percorrido.

Xeneralas da Ulla, con títeres Cachirulo

O sábado 25 será o día grande na Bandeira onde a xornada comezará co desfile de cabezudos a partir das 12:30 horas. Rematará cunha representación teatral na praza de Juan Salgueiro . Nesta edición a cita estará acompañada as marionetas de madeira  do espectáculo “Xeneralas da Ulla”, de títeres Cachirulo.

Pola tarde, ás 16:00 horas comezará o desfile do antroido e sobre as 18:00 horas celebrarase o Alto dos Xenerais na praza Juan Salgueiro . Pola noite, no pavillón terá lugar o baile de disfraces coa entrega de premios ás mellores comparsas, charangas e disfraces individuais.

Fotocall dende o venres e  obradoiros na Casa da Xuventude

Para os máis cativos, na Casa da Xuventude de Silleda haberá un fotocall de entroido dende o vindeiro venres 17 ata o 5 de marzo. Tamén neste centro se celebrarán dous obradoiros totalmente gratuitos dirixidos aos nenos e nenas de 4 a 12 anos. As citas serán o xoves 23 de febreiro cun obradoiro de confección de complementos de entroido e o venres 24, co titulado “Somos héroes e heroínas”, neste caso de maquillaxe.

Tamén o venres 25 se celebra no restaurante Coteliño un xantar con baile de disfraces para os maiores, organizado pola Concellería de Benestar Social, e amenizado polo Dúo Punto Zero.

Vista Alegre, Laro,  Moalde e película coa Anpa de Silleda

As actividades continuarán na semana grande do entroido o luns 27 no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, onde o baile infantil é xa unha tradición. Dolores Sangiao e Carmen Varela, membros da directiva, participaron na presentación  da cita que contará con baile e merenda de balde para os asistentes.

O martes de entroido, o día 28 a Anpa do CEIP de Silleda proxectará un film infantil na Casa da Cultura de Silleda ás 17:00 horas, tamén con entrada libre.

Xa o sábado 4 de marzo, o entroido continuará no municipio de Silleda da man da Asociación de Veciños de Laro, cunha festa no local social da localidade a partir das 17:00 horas, con concurso de disfraces, animación e merenda de balde.

O programa silledense remata o domingo 5 de marzo en Moalde, onde os veciños celebram un xantar de confraternidade, na que non faltarán disfraces ou unha sobremesa xogando ao bingo, segunto explicou Gabriela Arrebola, veciña da localidade.

Manuel Cuiña, e as concelleiras Ana Luisa González e Pilar Peón agradeceron o esforzo dos colectivos organizadores destes actos. Así mesmo, o alcalde tamén destacou  o esforzo institucional que se está a realizar na promoción e difusión do ancestral Entroido do Ulla, declarado de Interese Turístico Galego. O alcalde resaltou a colaboración da Deputación de Pontevedra e a Deputación da Coruña, que editaron material promocional un ano máis destes eventos.