domingo, 5 de febrero de 2017

Mes do cocido en Lalín

Participa no mes do cocido de Lalín 2017

Do 15 de xaneiro ao 14  de febreiro (de San Amaro a san Valentín) estase celebrando o XIX Mes do Cocido en Lalín, coa participación este ano de 27 restaurantes que ofrecen diariamente acubillo a 4.075 comensais para degustar o prato rei da gastronomía galega. Trátase dunha cifra que se mantén con respecto a anos anteriores o que amosa que está iniciativa gastronómica e lúdica está plenamente consolidada. Ademais dos restaurantes, colaboran no XIX Mes do Cocido a Asociación Praza de Abastos, 3 panaderías, 7 carnicerías e empresas cárnicas e 4 queixerías do municipio. Este ano, por vez primeira, o Concello de Lalín puxo en marcha un procedemento administrativo para articular as colaboracións dos diferentes establecementos, co obxectivo de facer que todo o relacionado coa Feira sexa absolutamente transparente.

Os restaurantes participantes contan durante este mes co Selo de Calidade, un elemento que busca preservar e garantir os valores e a calidade do Cocido de Lalín. Esta distinción fíxose máis esixente nesta edición, en busca de darlle o máximo valor ao prato. Son os propios comensais os que outorgan o Selo cubrindo as enquisas que se distribúen nos diferentes establecementos.

Os produtos de Lalín están entre os mellores de Galicia e durante esta tempada algúns deles mestúranse para conformar a xenuíno Cocido de Lalín, unha das insignias da cociña galega. Son os restauradores os protagonistas indiscutibles destas semanas. Eles, apostando pola excelencia na materia prima e xunguindo tradición e vangarda, conseguiron elevar o Cocido de Lalín ás súa máximas cotas de calidade e prestixio e, ao tempo, fan que cada ano  milleiros de visitantes se acheguen ao noso municipio