Visitar Cervo, Sargadelos, San Cibrao

A parroquia de Sargadelos é un lugar de visita obrigada, pois nela se atopan a Cerámica de Sargadelos (de recoñecemento internacional) e os restos das antigas fábricas de fundición e louza, fundadas por Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos.

A nova fábrica de cerámica creada no lugar foi integrada, mediante a súa arquitectura, na paisaxe natural; esta nova instalación, os restos das antigas fábricas e o museo, onde se conservan valiosas mostras de cerámica nas súas distintas etapas, foron declarados Conxunto Histórico-Artístico; ademais disto, no entorno deste conxunto, pódense contemplar numerosas casas de arquitectura rural, como son o Pazo da Administración e o Pazo do Marqués de Sargadelos (século XVIII), que actualmente pertence á familia Taladrid; a presa do río Xunco; o Paseo dos Namorados e o Camiño Real, que vai dende Cervo ata as antigas fábricas; todo isto enmarcado nunha frondosa vexetación e nunha paisaxe suxestiva.

Hai que sinalar finalmente, en relación con esta parroquia, as “Experiencias Cerámicas” que teñen lugar cada ano no mes de agosto; estas experiencias son uns prestixiosos encontros internacionais nos que os seus participantes dedican un mes completo á investigación artística, todo isto nun marco idóneo para tal actividade: as instalacións da Cerámica de Sargadelos.

Na parroquia de Cervo podemos visitar o seu casco urbano que se estructura ó redor dunha praza tradicional e no cal abundan as casas de pedra coidadosamente restauradas e as rúas empedradas; podemos, ademais, gozar de excursións a cabalo que parten desta vila e que percorren parte do Concello. En definitiva, Cervo é un pequeno lugar cun gran encanto.

Finalmente cómpre destacar o atractivo turístico de San Cibrao, vila mariñeira que, xunto coa capital do municipio, é o núcleo de poboación máis importante. A vila atópase rodeada de extensas praias, entre as que destacan a do Torno, a de Cubelas e a da Caosa (as dúas primeiras son galardoadas anualmente coa Bandeira Azul da U.E.). O seu porto pesqueiro entraña riqueza e constitúe parte da historia deste lugar; a importancia que ten o mundo da pesca reflíctese na existencia dun Museo do Mar, único na provincia de Lugo. Neste museo, situado no antigo grupo escolar, expóñense pezas relacionadas coas distintas modalidades de navegación e pesca, así como buguinas, cunchas, ósos de baleas, arpóns, maquetas de barcos, fotografías, etc.
San Cibrao

É de especial beleza o faro desta vila, que se sitúa na Atalaia, rodeado dunha área recreativa dende a que se poden ver os Farallóns, tres illas nas que se orixina a máis famosa lenda do lugar e que están incluídas na ‘Relación de Espacios Naturais’ da provincia de Lugo.
Por último, San Cibrao pode presumir dun pasado destacado e, como mostra, pódense visitar a ponte de orixe medieval que cruza o río Covo e as antigas fábricas de salgadura.