viernes, 3 de marzo de 2017

5 etapa de Xuntos no Camiño

“Xuntos no Camiño” fará o domingo a quinta etapa do seu reto

·        Esta xornada estará centrada en dar visibilidade á parálise cerebral e patoloxías afíns, así como a todo tipo de alteracións neuro-motoras que dificultan a  participación activa e a  inclusión social efectiva. 
·        A iniciativa está promovida por ASAMPO, ASSEII, ANEDIA, PEDALADAS E AMENCER-ASPACE
·        O obxectivo é facer máis visible a realidade dos seus asociados e reclamar medidas que normalicen as súas vidas.

 “Xuntos no camiño” percorrerá o vindeiro domingo 5 de marzo os 18 kilómetros que unen a Área recreativa do Río Barosa (Barro) e  San Miguel (Valga) polo Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Cinco asociacións de Pontevedra puxeron en marcha esta iniciativa: ASAMPO (Asociación de Amigos da Pontevedrada), ASSEII (Asociación Socio-sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal), ANEDIA (Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia), PEDALADAS (Asociación para a Promoción da Mobilidade Alternativa) e AMENCER-ASPACE (Asociación de Atención á Parálise Cerebral, afectacións motóricas de orixe neurolóxica e outras patoloxías afíns). Os  participantes nesta nova etapa sairán ás 9.00 h  e rematarán aproximadamente ás 16.30 h.

“Xuntos no camiño”, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, completará por etapas o Camiño Portugués desde Tui para amosar que as patoloxías que representan este colectivos non son un impedimento, e para seguir reclamando medidas que normalicen o seu día a día.

Nesta etapa, dedicada a facer visible o labor de AMENCER-ASPACE, “pretendemos dar a coñecer a realidade dos seus asociadas e asociados, proporcionando alternativas de ocio e deporte inclusivos ás persoas con diversidade funcional, construíndo así unha sociedade máis responsable e comprometida”.

Durante o percorrido, como en xornadas anteriores, os peregrinos, entre eles nenos e nenas con enfermidades crónicas,  parálise cerebral e outras patoloxías, intercambiarán experiencias e coñecemento sobre a súa realidade e farán varias actividades, como a de remarcar o trazado do Camiño Portugués con frechas e cunchas de vieira pintadas en amarelo.

XORNADA DEDICADA Á PARÁLISE CEREBRAL E Á ACCESIBILIDADE E MOBILIDADE
Co obxectivo común de construír un camiño e unha sociedade para todas e todos, durante as distintas etapas de “Xuntos no camiño” os participantes están a coñecer a realidade dos socios e socias das asociacións que participan no proxecto e tamén cales son as súas necesidades e demandas.  Así, AMENCER-ASPACE reivindica que haxa unha resposta da sociedade para normalizar a vida destes nenos e nenas con medidas de inclusión favorecendo a súa participación activa, especialmente a través de actividades accesibles, garantindo a  súa mobilidade.

AMENCER-ASPACE  é unha asociación de ámbito provincial, sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública. Fundada en 1991 por familias de persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns, actualmente presta atención a 118 pacientes con esta afectación e tamén a persoas con diferentes trastornos de orixe neurolóxica, síndromes afíns, patoloxías sen filiar, alteracións neuro-motoras diversas etc.

A asociación dispón actualmente de centros e  servizos de atención desde os 0 aos 65 anos, concertados ou en convenio coa administración pública. O seu obxectivo é dar resposta ás necesidades individuais e contribuír á mellora das capacidades.  No eido da atención temperá, atende aos nenos e nenas de 0 a 6 anos e aos seus familiares nun proceso de necesaria información e orientación, no que a familia precisa dun acompañamento, e no que o cativo necesita oportunidades de estimulación e aprendizaxe.

No ámbito educativo AMENCER-ASPACE da respostas diferentes en función das necesidades individuais de cada un dos alumnos e alumnas. Así,  ten centros de educación especial que ademais da atención pedagóxica ofrecen tratamentos sanitarios e de rehabilitación necesarios para quen precisa unha maior atención. Hai estudantes que participan na modalidade de escolarización combinada e acoden uns días  ao centro de ensino público do seu contorno e o outros ao centro de Amencer, o que lles permite aproveitar ao máximo as súas capacidades. No eido da atención á mocidade, esta asociación trata, nos seus centros de día, de dar respostas aos que precisan fomentar a súa autonomía e independencia e tamén aos que necesitan que se potencie o seu desenvolvemento integral para obter un maior benestar.


A iniciativa “Xuntos no Camiño” beneficia a todas e todos eles dun xeito transversal:  “Participar en iniciativas como esta, permite facer visible a necesidade dun ocio inclusivo en todas as etapas da vida. “Xuntos no camiño” na que participan persoas de todas as idades e características,   son as que verdadeiramente dan resposta a ansiada inclusión social efectiva.