Ourense ICC Week 2017

Ourense ICC Week 2017 ocio dixital, música, publicidade, gastronomía e moito máis

Ourense celebrará a terceira edición deste evento Ourense ICC Week do 2 ao 7 de maio, convertendo un ano máis a Ourense na capital da creatividade, con xornadas e debates sobre audiovisual, industria TIC, música, xestión cultural, deseño gráfico, publicidade, literatura, artesanía e arquitectura.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe o avance da "Ourense ICC Week" 2017, o marco das industrias culturais e creativas, que organiza a Deputación de Ourense e que celebrará a súa terceira edición do 2 ao 7 de maio. Xunto aos coordinadores desta actividade, Juan Rivas e Manuel Araújo, o presidente do goberno provincial destacou que este "é un evento consolidado que sitúa á capital e á provincia de Ourense como referentes e puntos de encontro para a comunidade creativa".



Manuel Baltar dixo que este ano a imaxe da ICC Week "céntrase no rural e no noso patrimonio histórico-cultural, co campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande, como protagonista, logo de que as anteriores edicións tivesen como imaxe a Ponte do Milenio e o edificio Viacambre". Baltar remarcou a importancia da cooperación na ICC Week deste ano da Deputación e do Campus de Ourense para a organización da Lan Party, e expresou a relevancia que se incida tamén no ámbito gastronómico "un sector importante e singular da nosa provincia, un aspecto que vai na liña de potenciar a economía e o turismo "laranxa", "unha modalidade sostible de desenvolvemento cultural, económico e social a partir dunha xestión turística responsable do patrimonio cultural, a produción artística a as industrias culturais e creativas".

Xornadas, mesas redondas e debates sobre audiovisual, industria TIC, música, xestión cultural, deseño gráfico, publicidade, literatura, artesanía e arquitectura, conforman un amplo programa de actividades, entre as que destaca a celebración dunha "Lan party" (denominada ICC Technium 2017), un gran encontro de ocio dixital que reunirá no polideportivo do Campus de Ourense a centos de mozos cos seus ordenadores para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos. Segundo explicou Manuel Araújo, celebrarase entre os días 4 e 7 de maio e estará aberto 24 horas, con zonas de descanso, de ocio e recreo con diferentes actividades. "Esta actividade, que en anos anteriores a desenvolvían a Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática (ASEII) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI), conta nesta edición co traballo conxunto de ámbalas dúas entidades, "e agardamos reunir neste evento de ocio dixital a uns 500 participantes".

A inscrición poderá realizarse a partir do vindeiro 8 de marzo a través da web ourenseiccweek.com. Ademais, este evento ofrecerá a posibilidade de conexión de fibra óptica de altas prestacións, cunha zona interna de conexión a rede eléctrica e internet por cada praza. Haberá torneos dos principais e-sports, por equipos e individuais, tanto en PC como nas distintas consolas, e máis de 4.000 euros en premios.

Outra das novidades será a gastronómica: a ICC Week dedicará parte do seu programa a analizar as últimas tendencias na vangarda culinaria, "contando coa presenza de cociñeiros e xornalistas especializados, entre os que figuran Alfonso López, Pepe Solla, Javier Olleros, Mónica Escudero, e os chefs do restaurante "Nova" de Ourense, Dani Guzmán e Julio Sotomayor", explicou Juan Rivas. Esta xornada gastronómica incluirá tamén unha visita aos tradicionais fornos do Pan de Cea.

PROGRAMACIÓN MUSICAL 2017

A programación musical para eses días, que comeza o 2 de maio, ás 21.00 horas, con Depedro, no Teatro Principal. Ao día seguinte día actuarán The Funkles, ás 21.00 horas (Centro Cultural "Marcos Valcárcel" ou Xardíns do Padre Feijóo, segundo as condicións meteorolóxicas), e o sábado, 6 de maio, terá lugar a ICC Show Vermú, entre as 12.00 e as 16.00 horas, coas actuacións nos Xardíns do Padre Feijóo de Bigott e Malandrómeda. Pechará o cartel de actuacións ese mesmo día, 6 de maio, ás 22.00 horas, Juan Magán, no Pazo dos Deportes "Paco Paz".

En canto ás entradas, Manuel Araujo dixo que todos os concertos serán de balde ata completar o aforo agás as actuacións de Depedro -para o cal as entradas estarán á venda en Ataquilla e no Teatro Principal cun prezo de 10 €, a anticipada, e de 15 € o mesmo día do concerto-, e Juan Magán –15 € as primeiras 300, 18 € a anticipada, e 20 € o mesmo día do concerto-.