A cantora bergantiñana “SES” no Festival do Castro

A CANTORA BERGANTIÑANA, “SES”, ACTUARÁ O 19 DE AGOSTO DE 2017 NO FESTIVAL DO CASTRO!!!

Dende a organización do Festival do Castro, anuncian unha nova edición da cita festivaleira máis importante do verán da Ribeira Sacra, da Galiza e do mundo enteiro.

E para que non falte ninguén en dito evento aberto e gratuíto, confirmamos a data, como é habitual, será o sábado 19 de agosto de 2017 en Pantón no recinto feiral do Castro.

E para ir facendo bo sabor de boca confirmamos que a cantora bergantiñana “SES” será unha das cabezas de cartel da duodécima edición organizada pola “Asoc. Cultural Escola de Baile e Gaitas O Castro”.

SES, considerada como a revolución da actual escena musical galega, prosegue a presentación do seu último traballo, Opoñerse á extinción, en Pantón.

É o cuarto álbum dunha SES que sigue sendo pura forza, inconformismo e paixón. Nel segue a liña do seu inconfundible estilo que a levou a converterse na artista máis relevante do país nos últimos anos e nun auténtico fenómeno social que non deixa de medrar.

Este novo traballo continúa na liña dos dous discos anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.

A SES compositora vai medrando e madurando, aínda que sigue a tratar os temas de sempre: o amor en todas as súas versións (inclúe unha canción dedicada á filla dunha das súas cantoras), sen esquecer un tema clave da súa personalidade como artista, a denuncia social.

Dende a organización fieis ó estilo de xornada completa de activades no plano cultural e festivo manterá un esquema similar ó de anos anteriores aínda que se introducirán, como cada ano, adaptación nalgunha actividade, así pois, confirmado, este ano volta o Festival do Castro, 19 de agosto, todo o día no Castro, non fagas máis plans para esta data!!!