martes, 4 de abril de 2017

Benestar en Balnearios de Galicia 2017

Prazas en balnearios de Galicia 2017 para maiores de 60 anos

O 17 de abril remata o prazo para poder optar a unha destas prazas que ofrece o programa “Benestar en Balnearios” da Consellería de Política Social Participan 14 balnearios galegos, 5 na provincia de Ourense, 4 en Pontevedra e Lugo e 1 na Coruña 

Programa Benestar en Balnearios
Balnearios Galicia prazas benestar social
A Consellería de Política Social ten en marcha unha nova edición do programa “Benestar en Balnearios”, no marco do cal se ofertan prazas para estadías e tratamentos en centros termais de toda a comunidade. 

Convócanse un total de 600 prazas para participar nesta iniciativa en diferentes quendas ao longo do ano. As solicitudes poderán presentarse ata o 17 de abril. 

Requisitos para participar no programa 

Poden beneficiarse deste programa os maiores de 60 anos e tamén os maiores de 55 que reúnan a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. 

Os solicitantes deberán estar empadroados e residir nalgún Concello da comunidade galega. 

Terán que valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa. 

Non poderán padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal convivencia nos establecementos, nin ningunha enfermidade transmisible con risco de contaxio. 

E carecer de contraindicación médica para recibir os tratamentos termais. A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu cónxuxe ou parella, sempre que cumpra os requisitos indicados, agás o relativo á idade. 

Tamén poderán participar, en calidade de acompañantes, os fillos dos solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando se poidan desprazar con autonomía e cumpran todos os requisitos citados agás o referente á idade. 

Presentación de solicitudes 

Os interesados poden consultar toda a información sobre o programa “Benestar en Balnearios” na web http://benestar.xunta.es/web/portal/portada, para coñecer as indicacións terapéuticas de cada centro, as datas e quendas de cada un e os prezos que ofertan. 

As estadías son de dez días con diferentes quendas ao longo do ano. As tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das características de cada balneario, entre os 299,81 e os 376,46 €. 

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). 

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera rexistro da Xunta de Galicia ou nos municipais. 

Tratamentos termais con fins terapéuticos e actividades socioculturais 

O programa inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido. Ademais, os beneficiarios poderán someterse a tratamentos termais con fins terapéuticos, que comprenden: o recoñecemento médico ao ingresar no balneario para a correcta prescrición do tratamento, o tratamento que prescriba o facultativo do balneario, o seguimento médico do tratamento, xunto coa participación en actividades de animación sociocultural que se leven a cabo no establecemento termal. 

Participan 14 balnearios de toda Galicia Nesta convocatoria participan un total de 14 balnearios de toda Galicia. Da provincia da Coruña o Balneario de Carballo. 

Da provincia lucense están o Balneario de Guitiriz, Augas Santas (Pantón), o Balneario de Lugo-Termas Romanas e Río Pambre (Palas de Rei). 

De Ourense participan os establecementos termais de Baños de Molgas, Arnoia Caldaria Hotel Balneario, Laias Caldaria Hotel Balneario (concello de Cenlle), Lobios Caldaria Hotel Balneario e o Gran Balneario do Carballiño. 

E en Pontevedra os balnearios de Baños da Brea (situado en Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Termas de Cuntis e Balneario Acuña (en Caldas de Reis). 

Dende a Asociación de Balnearios de Galicia valórase “moi positivamente que a Consellería de Política Social siga a apostar por este programa, de indubidables beneficios sociais e sanitarios para os nosos maiores, malia que non chegue ao número de prazas que ofertan outras comunidades nos seus programas autonómicos como Valencia (10.000 prazas), Castela A Mancha (3.000 prazas) ou Castela e León (2.000 prazas)”. 

Os interesados poden informarse chamando ao teléfono 981 547 437 da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, así como nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social, nos Centros Sociocomunitarios de Benestar da Consellería, nos servizos sociais comunitarios dos concellos e nos servizos sociais de atención primaria e especializada de saúde. 

Tamén poden chamar ao Teléfono Social: 900 333 666

No hay comentarios: