Festival de Narrración Oral cidade de Coruña

O Fórum Metropolitano acollerá a semana que vén a primeira edición do Festival de Narración Oral ‘Falando a boca chea’, que se dirixe a públicos de todas as idades

Carlos Blanco, Paula Carballeira ou Cándido Pazó actuarán entre os días 19 e 22 de abril en distintos espazos do recinto municipal

O Concello da Coruña presentará a semana que vén a primeira edición dun festival que ten como obxectivo achegar á cidadanía a narración oral. Falando a boca chea, que así se denomina a iniciativa promovida pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, celebrarase do 19 ao 22 de abril no Fórum Metropolitano, e contará coa presenza de recoñecidas voces do ámbito do monólogo, como Cándido Pazó, Charo Pita ou Carlos Blanco. O Festival, na procura de dar pulo á tradición da narración oral galega e que esta sirva como punto de encontro para todos os públicos, empregará distintas localizacións deste recinto municipal para mostrar espectáculos adaptados a todas as idades, e unha programación axustada en distintos horarios para que a veciñanza poida asistir ás distintas propostas. Así, o vestíbulo acollerá todos os días, ás 19.00 horas, pezas destinadas para menores e público adulto, mentres que a biblioteca infantil programará sesións para nenas e nenos de 2 a 4 anos os días 19 e 21 ás 18.00 horas. Por último, o auditorio acollerá espectáculos dirixidos á poboación adulta, tamén todos os días, ás 20.30 horas. Ademais, Falando a boca chea, seguindo a liña dos ciclos de artes escénicas programados no Fórum, ofrecerá sesións dirixidas ao ámbito escolar, con programación de narracións para o alumnado da ESO, Bacharelato e FP nas mañás dos días 20 e 21 de abril.

Os espectáculos que se celebren no vestíbulo do Fórum Metropolitano serán de entrada libre ata completar a capacidade do espazo. O primeiro deles será o de Charo Pita, que terá lugar o mércores 19. O día xoves 20 actuará Ramiro Neira, mentres que o día 21 será a quenda de Caxoto e, o sábado 22, a de Pablísimo. O auditorio contará coa presenza doutros monologuistas, como son Carlos Blanco (19), Oswaldo Digón (20), Cándido Pazó (21) e David Perdomo (22), e a entrada poderá mercarse de forma anticipada tanto no Fórum Metropolitano coma no quiosco da praza de Ourense ou Ticketea.com, por 5€. No día da representación o custo do billete será de 7€, agás no caso do colectivo que pode optar á bonificación (persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do carné xove), en cuxo caso abonarán 6€. Finalmente, os dous espectáculos que acollerá a Biblioteca infantil serán o mércores 19, con Charo Pita, e o venres 21, con Soledad Felloza, e será necesario realizar a inscrición previa na web municipal www.coruna.gal/bibliotecas.

No caso das funcións dirixidas ao público escolar, cuxas sesións xa están pechadas cos centros, Cándido Pazó (20) e Paula Carballeira (21) trasladarán ao alumnado as sús pezas. Pazó leva 443 actuacións para este tipo de público, e defende o monólogo como unha actividade escénica "especialmente axeitada para programar no ámbito educativo, xa que a materia prima que utiliza é a palabra". Pola súa banda, Carballeira presentará Historias de arrepío, contos de medo "que foron tecendo narradoras e narradores anónimos e que foron transmitidos, na súa maioría, de forma oral". Ambos espectáculos, que comezarán ás 11.30 horas, terán unha duración de 60 minutos.