Noite de Fiadeiro Ramirás 2017

O vindeiro 13 de Maio celebrarase en Vilavidal, Concello de Ramirás, unha nova edición da Noite de Fiadeiro. Con esta serán XI as ocasións nas que se leva recuperado a esencia dos antigos fiadeiros celebrados na comarca.  Deste xeito, o colectivo Rebulir Cultura Tradicional, coa colaboración do Concello de Ramirás, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, Abanca e Socitransa xunto coa axuda de ducias de empresas e entidades; traza un programa cheo de actividades que se extende a xornada.


As actividades programadas están dirixidas a todos os públicos, facendo que mozos e maiores podan sentir a celebración como propia, e de maneira interxeracional. Así, haberá espazo para obradoiros, mostras, animacións, pasarrúas, teatro de rúa, concertos... e por suposto, a xa tradicional feira de artesanía e gastronomía, con especial protagonismo e atención aos productos locais e comarcais.

Pero cabe salientar, que a actividade principal chega coa caída do sol. Esto é o Fiadeiro en sí, onde máis dunha trintena de grupos chegados de múltiples puntos do territorio galego porán a nota musical para que o torreiro se convirta nun lugar de baile co estilo máis tradicional e popular. 

Desde a organización apóstase un ano máis por unha festa participativa que implique ao visitante na súa dinámica, onde cobra protagonismo a cultura tradicional, e se demostra que aínda se pode disfrutar con aqueles ritmos e músicas propias, sen maior pretensión que o lecer. 

Máis información en  www.noitedefiadeiro.com