Semana Santa Cangas 2017

SEMANA SANTA DE CANGAS 2017 DECLARADA DE INTERESE TURÍSTICO GALEGO 

Programación de oficios e cultos da Semana Santa 2017. 

As confrarías presentan un programa ampliado e con novidades para este evento declarado de “Interese Turístico Galego” co obxectivo de ser declarado e recoñecido de “Interese Turístico Nacional”. 

Como novidade, a Confraría de San Pedro estrea imaxe e a do Cristo do Consolo propón a ampliación do percorrido do Vía Crucis Infantil do Domingo de Ramos, desde a ExColexiata de Santiago de Cangas ao Cruceiro de Singulis, representando escenas da paixón. 

Pola súa parte, a do Cristo Resucitado adianta 15 minutos a súa procesión e aproveita para presentar o seu propio estandarte. Neste momento, a falta de espazo e dun local no que poder gardar as imaxes fai que sexa imposible a ampliación dos pasos, aínda que contan con tres novos en proxecto. 

A pesar de que a programación deu comezo o 18 de marzo coa lectura do pregón da Semana Santa, a cargo de D. Jesús Graña Nogueiras e o concerto no Templo Parroquial da Banda de Música “Belas Artes” de Cangas, o programa forte dará comezo o venres 7 de abril pola festividade da Virxe dos Dolores, con concerto, misa solemne cantada e procesión polas rúas de Cangas. 

O domingo 9 de abril, “Domingo de Ramos”, ás 11:00 horas terá lugar a Procesión da Borriquilla e a posterior Bendición dos Ramos nos Xardíns de J. Félix Soage, e pola tarde, ás 18:00 horas, o Via Crucis Infantil. 

O 12 de abril, Mércores Santo, haberá ás 19:30 horas rosario e misa cantada á Soidade de María, e ao remate procesión con ofrenda floral á Virxe no Eirado do Sinal. O 13 de abril, Xoves Santo, tralos cultos no Templo, terá lugar ás 20:00 horas a procesión da “Santa Cea”, e a media noite adoración nocturna. 

Un dos días grandes será o 14 de abril, Venres Santo, iniciando ás 07:00 horas coa procesión “Negación de San Pedro”, representando as tres negacións durante o percorrido, e con chocolatada ao remate no Adro da Igrexa. Ás 10:30 horas será a quenda da procesión do “Santo Encontro”. Xa pola tarde, ás 20:00 horas procesión do “Santo Enterro” e a media noite a procesión do “Silencio”, unicamente iluminada polas candeas dos fieis e as imaxes, percorrendo con completa devoción e silencio as rúas do centro. 

O 15 de abril, Sábado Santo, celebrarase ás 22:00 horas a “Santa Vixilia Pascual” coa bendición da auga e do fogo. 

E por último o 16 de abril, Domingo de Pascua, sairá ás 10:30 horas a procesión de “Xesús Resucitado”. A cruz parroquial sairá cara o sepulcro para recoller a Xesús resucitado e conducilo ao encontro coa súa nai no centro da Vila, momento no que esta cambiará o seu manto negro de loito polo manto branco da Gloria. 

Posteriormente, ás 12:00 horas celebrarase a Misa Solemne. Coincidindo coa semana grande levaranse a cabo outras actividades: o VI Festival de Folclores na Rúa o sábado 8 de abril (coa participación do Grupo de Danzas Pais Nais de San Roque de Cangas, Rancho Típico Infantil de Vila Verde – Portugal e a Asociación Cultural Barca de Loimil de Arbo); as visitas guiadas polo casco antigo os días 12, 13 e 15 de abril, totalmente gratuítas con saídas ás 11:00 horas da Oficina de Turismo do Porto de Cangas; a exposición e presentación do libro “Elas” de Aurora Marco o xoves 6 de abril ás 20:00 horas na Casa da Cultura; e a exposición do alumnado de bacharelato de artes do IES María Soliño na sala de exposición do Auditorio Municipal.

Accede al programa completo en : Semana Santa Cangas 2017