Festa do viño tinto do Salnés Ribadumia 2017

45ª Edición da FESTA DO VIÑO TINTO DO SALNÉS e EXALTACIÓN DAS VARIEDADES AUTÓCTONAS, que terá lugar na primeira fin de semana de xuño, entre o venres 2 e o domingo, día 4.

O Concello de Ribadumia xa ten ultimada a programación da Festa que terá lugar a primeira fin de semana de xuño, do venres 2 ao domingo 4.

O programa está feito para chegar a todos os veciños e visitantes, con independencia da idade ou dos gustos.

Programa Festa do viño tinto do Salnés Ribadumia


A Festa do Tinto e Variedades Autóctonas é un evento consolidado dende fai moitos anos grazas ás persoas que mantiveron viva a tradición do “Viño Barrantes”. Esta tradición é a que se quere apoiar dende o Concello polo que, no esencial, vaise manter a estrutura e organización da festa de anos anteriores e voltar a poñer en primeiro plano aos auténticos protagonistas da festa, os viticultores e os adegueiros que seguen a manter viva a antiga tradición da elaboración do viño tinto, converténdoa incluso nun xeito de ser e de vivir. A festa e de todos os veciños e queremos que se sintan parte da mesma. Finalmente a festa tamén quere servir de escaparate de Ribadumia, do seu potencial turístico eetnogastronómico.

   Pensando neses obxectivos é como se confeccionou un completo e variado programa, ampliando o abano de actividades arredor da festa que se engaden a verbena nocturna, de tal xeito que teremos actuacións e actividades practicamente a todas horas durante os tres días e a calquera hora do día, dende a maña ata a madrugada. Unha programación variada e dirixida a diferentes ámbitos e para todos os gustos.

   Precisamente nesa idea de centrar a festa nos viticultores, gustaríanos destacar en primeiro lugar a aposta por animar a carpa de exposición e venta de viños para convertela, xunto co xantar de confraternidade e a cata, nun dos epicentros da festa. Así están previstas nesa carpa actuacións de grupos de “CANTOS DE FURANCHO” durante os tres días de festa, un Show-cooking en directo e o domingo unha “sesión Vermouth” a cargo do GRUPO AZABACHE.

   Un ano máis os grupos locais terán o seu espazo na Festa do Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas o sábado pola tarde. Este ano actuaran os grupos Sabela king & the heratbreakers, Noite fechada, Fora de ser-vicio, Ghesgha e Sufre Mamón.

   Para os máis pequenos tamén se programaron actividades: o sábado terá lugar a xa tradicional FESTA DA ESPUMA, e para o domingo , na praza do Concello, instalaranse XOGOS POPULARES durante toda a maña e a tarde. Xa para finalizar o domingo está prevista unha exhibición de actividades extraescolares realizadas nos centros educativos e no Concello durante este ano escolar.

   Tampouco nos esquecemos das verbenas, que xa terán o seu pistoletazo de salida o xoves día 1 de xuño, coa presentación en primicia da ORQUESTA ESPECTÁCULO KUBO. Para o venres está prevista a actuación de ORQUESTRA TANGO e o concerto de EDAD DE ORO DEL POP ESPAÑOL (Alberto Comesaña, Pablo Perea, Joaquín Padilla e Chus Herranz), o sábado será o turno da CHARLESTON BIG FAND E GRAFFITI. O domingo contaremos coa actuación da ORQUESTRA OLYMPUS.

   Todo esto á parte das actuacións pola rúa da Banda de Gaitas Os Carballeiras, a Charanga Mil 9 ou a Charanga Alambique.

   En definitiva, a idea é homenaxear como se merecen a todos os viticultores que fan posible a celebración e a todos os veciños e visitantes que queren desfrutar da festa do Viño Tinto e variedades autóctonas e converter a Barrantes – Ribadumia no epicentro festivo e cultural de todo o Salnés durante a primeira fin de semana de xuño, marcando o inicio da “tempada” de verán.