Festival Internacional de Títeres de Redondela 2017

A XVIII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela comza hoxe 15 de maio e levarase a cabo ata o 21 de maio. 

Un total de 25 compañías de diversas procedencias: Brasil, Italia, Estados Unidos, Dinamarca, Arxentina e Galicia entre outras,encherán a vila de espectáculos para todos os públicos.

A programación comezará coa campaña escolar en Chapela e Redondela, a cargo das compañías Tato Criaçao Cênica do Brasil, El Chonchón de Arxentina e os galegos de Tanxarina, cun total de oito funcións.

Programación de sala 

O martes 16 arrancará a programación de sala co espectáculo para adultos ‘Circus Funestus’ da danesa Sofie Krog, unha proposta incluída no programa do ano pasado pero que, por un desgraciado accidente, tivo que ser substituída. Tanxarina e Tato Criaçao Cênica serán os protagonistas o Día das Letras Galegas, mentres que La Canela, de Andalucía, e os arxentinos de El Chonchón, representarán os seus espectáculos o xoves e venres, respectivamente. Xa na fin de semana, Títeres sin Cabeza de Aragón, Didi Rodan de Madrid e Huber Marionetas de EEUU completarán a programación no
Multiúsos da Xunqueira, e o domingo tamén se realizará unha representación no Centro 
Recreativo Cultural cos galegos de Monifate Teatro.

Rúa días 17, 20 e 21

Un ano máis, o Festival coincide co día grande da lingua e cultura galegas. Para celebralo, as prazas e rúas da vila encheranse de teatro de títeres e música. Máis de 40 representacións teatrais, actuacións musicais de The Turres Band, espectáculos itinerantes e un espazo de xogos pensado para os máis pequenos.

Ademais da programación oficial, tamén haberá por diversos puntos da vila os míticos Títeres pola Gorra e na Alameda instalarase o tradicional Mercadiño Titiriteiro, que abrirá o prazo de reserva o día 17 de abril (as bases xa se poden consultar no Facebook o na web do Festival).

Exposición de autómatas e paseo polo Río Maceiras
O programa de actividades compleméntase coa exposición ’40 años de La Tartana’, unha mostra interactiva onde é o propio espectador o que articula o mecanismo para que funcionen os diversos autómatas que a conforman.

Na mañá do domingo, e debido ao grande éxito obtido nas anteriores edicións, desenvolverase a ruada participativa ‘Eu paseo, eu pastoreo’ protagonizada pola compañía catalana Xip-Xap Teatre. Este ano as ovellas serán os animais convidados, e o Paseo do Río Maceiras o percorrido. A rapazada e os pais e nais poderán vir disfrazados de ovellas para gozar desta actividade ao mesmo tempo que descubren un dos máis bonitos recunchos de Redondela.

Máis información e programación completa: