Festival Viño da Ribeira Sacra en Monforte

Monforte acollerá os días 14, 15 e 16 de xullo un Festival do Viño da Ribeira Sacra

Unha idea presentada polo Alcalde de Monforte de Lemos que estivo acompañado do Presidente do Consello Regulador

O Concello de Monforte e o Consello Regulador están organizando unha Mostra-Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se vai celebrar na cidade do Cabe os días 14, 15 e 16 de xullo e que terá como escenario o Paseo do Malecón.

 O Alcalde destaca que “o evento será o colofón de todas as feiras que se realizan nos diferentes concellos da Denominación de Orixe”.

Paralelamente á celebración da Mostra do Viño haberá outras actividades, entre elas, eventos gastronómicos, exposicións, conferencias, espectáculos e concursos. Por iso, o rexedor monfortino considera que “o evento será un reclamo para atraer turistas a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, algo que repercutirá de xeito moi positivo na economía da comarca; particularmente, no mundo do viño, da hostalería e do comercio”.

Continuidade no tempo

Durante a presentación da Mostra, José Tomé apuntou tamén que “a nosa pretensión é que o evento teña continuidade e mesmo que poida adaptarse a novas fórmulas de promoción, porque entendemos que este é un traballo permanente, de longo percorrido e que non remata nunca”.

O mandatario local destacou que Monforte, como capital da Ribeira Sacra e sede do Consello Regulador, debe ter eventos que o relacionen co viño “dun xeito claro e permanente para contribuír á difusión e promoción que levamos facendo entre todos nos últimos 25 anos”.

Para a celebración da Mostra do Viño, o Concello contará coa colaboración económica das Deputacións de Lugo e Ourense e do propio sector do viño. Para iso, a administración municipal ten previsto asinar un convenio de colaboración coa Denominación de Orixe