Os Maios 2017 en Ourense

A rúa do Paseo en Ourense será este domingo unha romaría coa tradicional celebración dos Maios, declarada Festa de Interese Turístico.

As actividades, presentadas en rolda de prensa no Auditorio coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e da técnica da Concellería, María Díaz, inclúen todos os elementos dunha romaría: maios, coplas, actuacións de grupos de gaitas e actividades para os máis pequenos. “En plena efervescencia da primavera, en Ourense agroma unha das súas festas máis singulares, unha das súas manifestacións etnográficas máis arraigadas”, dixo o rexedor.

A romaría regresa este ano á rúa do Paseo, xa que “a Alameda está próxima a ser ocupada para o traslado dos praceiros, esta semana esta prevista a sinatura da acta de replanteo para dar comezo á obra da instalación provisional”, aclarou Vázquez Abad.

O programa para este domingo é como segue:

11.00h Colocación dos Maios
11.30 Animación de rúa cos Gaiteiros da Escola de música tradicional “De pé feito” e
cabezudos
11.30-14.00 Xogos populares e obradoiros de enredos naturais
12.00h Paseo do xurado polos maios e canto de coplas
16.30 Animación de rúa cos gaiteiros “Os Daniñas”
18.30 Entrega de premios e canto de coplas gañadoras
19.00 Actuación musical Orquestra Os Modernos
Durante todo o día, unha persoa elaborará un maio para os asistentes.