Establecementos hostaleiros e viñotecas finalistas premios D.O. Ribeiro 2017

XA SE COÑECEN OS ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS E VIÑOTECAS FINALISTAS NOS PREMIOS D.O. RIBEIRO 2017

Destacados locais e profesionais de toda Galicia serán recoñecidos na sexta edición dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro

Na categoría de "Mellor Tenda Especializada - Viñoteca" son candidatos Casa Amador (Ferrol), El Yate (Vigo) e La Sucursal (Lugo); como "Mellor taberna – Bar de Viños”, Mesón Picasso (Ferrol), Casa de vinos Montecarlo (A Coruña) e Bagos (Pontevedra); e en "Mellor Servizo de Viño en Restaurante”, os finalistas son: O Retiro da Costiña (Santa Comba), A Mundiña (A Coruña) e O Barazal (Maside)


A Denominación de Orixe Ribeiro vivirá o martes 20 de xuño a 6ª edición dos seus Premios D.O. Ribeiro, no hotel Mosteiro de San Clodio (Leiro-Ourense).

Con esta cita quérese recoñecer o saber facer dos profesionais e establecementos galegos que axudan á difusión do mundo do viño, polo que, anualmente, concédense galardóns en tres categorías específicas, outorgados directamente polas adegas adscritas á Denominación.

Na categoría de “Mellor Tenda Especializada - Viñoteca” son candidatos: Casa Amador (Ferrol), El Yate (Vigo) e La Sucursal (Lugo).

Na categoría de “Mellor taberna – Bar de Viños”, os aspirantes son: Mesón Picasso (Ferrol), Casa de vinos Montecarlo (A Coruña) e Bagos (Pontevedra).

Por último, na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante”, os finalistas son: O Retiro da Costiña (Santa Comba), A Mundiña (A Coruña) e O Barazal (Maside).

Ademais, un panel profesional de cata será o encargado de recoñecer os mellores viños brancos, de adega e de colleiteiro, e tinto da Denominación de Orixe.

No transcurso do evento tamén se entregarán os premios honoríficos que recoñecen a andaina de distintos profesionais.

A Master of Wine xornalista e escritora británica Sarah Jane Evans é o novo “Premio de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarés, o “Premio á Mellor Tarefa en Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández acada o “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, recibe o “Premio Vida entre Vides”.
 
O histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas variedades autóctonas, reunirá aos actores que dan vida ao vino D.O. Ribeiro e a profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, maioristas, xornalistas e divulgadores, entre outros.
 
 
Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente está conformada por 115 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.

A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.332 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores.

A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.

A produción da colleita 2016 na Denominación de Orixe foi de 11,6 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é viño branco e o 8%, viño tinto.