Mostra teatro cómico e festivo Cangas 2017

XXXIV EDICIÓN MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO CÓMICO E FESTIVO DE CANGAS.

Do 30 de xuño ao 8 de xullo de 2017.

A MITCFC leva 34 anos transformando Cangas e o seu particular patrimonio arquitectónico nunha vila-teatro que exhibe espectáculos nos máis variados espazos posibles:  desde praias, xardíns e grandes espazos ata adros, capelas ou pequenas prazas nas que acoller a milleiros de espectadores de todas as idades e procedencias xeográficas, reforzando así a aposta desta Mostra de que as vivas artes escénicas invadan a vida cotiá da vila.

Nesta 34 edición seguemos coa teima de formular propostas escénicas dirixidas ao público máis novo e inquieto e consolidamos a Capela do Hospital como un espazo de referencia onde celebrar espectáculos performativos, mestizos ou fronteirizos, creados polas novas xeracións de artistas co ánimo de achegar as súas creacións a todos os públicos, facilitando así o acceso ás diferentes vertentes estilísticas das artes escénicas. 

O programa composto por espectáculos internacionais, galegos e doutras autonomías, conta tamén cun bo número de actividades paralelas como cursos, exposicións, proxeccións, debates, encontros, presentacións, lecturas dramatizadas, o xa clásico Revoltallo ou a XXXI edición do Premio Xiria ao Labor Teatral. 

Este ano engadimos unha idea pioneira en Galicia, a celebración do I Torneo de Dramaturxia Galega, actividade que nace da man da Asociación Galega de Dramaturxia, e que ten como obxectivo conectar ás nosas autoras/es co público do festival e dar a coñecer a riqueza da nosa dramaturxia e da nosa lingua. 

É sabido que a MITCFC é un referente autonómico e estatal en materia de igualdade de xénero, sendo a primeira mostra do estado que impulsou e aplicou o principio de paridade, mesmo desde antes do nacemento das leis galega e estatal de igualdade. Así, a unha programación  totalmente  paritaria, témoslle que sumar os dezasete anos de vida de Mulleres Acción e a sexta edición do Premio que leva o mesmo nome.. 

Trinta e catro anos construíndo espazos, creando públicos, impulsando novas formas, promovendo a pedagoxía e os encontros profesionais, aplicando transversalmente o principio de igualdade, coproducindo espectáculos e non perdendo de vista o noso obxectivo principal, comunicar con HUMOR. 

E todo isto grazas, tamén, á inestimable colaboración tanto do público e artistas como do pequeno comercio e algunha das grandes empresas do Morrazo.

Web oficial :  http://www.mostrateatrocangas.org/