Fogos do Apóstolo e música hoxe en Santiago de Compostela

Hoxe luns 24 de xullo ss Fogos do Apóstolo e o concerto de The Gift darán a benvida ao día grande das festas do Apóstolo

Hoxe luns é o día dos tradicionais Fogos do Apóstolo, nunha xornada que combina tradición e modernidade para darlle a benvida á xornada grande destas festas.

Ás 12:00 na praza da Quintana e ás 12:30 horas na do Toural poderemos ver o Encontro de Xigantes e Cabezudos, que como cada ano fará as delicias de veciñanza e turistas. Iso si, a verdadeira festa chega de noite coa música na Alameda, na Quintana e no Toural e co espectáculo nocturno dos Fogos do Apóstolo que se desenvolverá na praza do Obradoiro.

Os tradicionais fogos terán lugar, como cada ano, a partir das 23:30 horas, cun espectáculo a cargo de Acciona que combinará carga pirotécnica e creación audiovisual. Xusto despois teremos moita música na Alameda, a cargo da orquestra Suavecito, e na praza do Toural, onde Dayna Kurtz & Rober Machi presentan o seu disco Rise & Fall.

The Gift 

Un dos pratos fortes destas festas podemos degustalo precisamente o día dos Fogos, coa actuación a partir das 22:00 horas, na praza da Quintana, dos grupos The Chevelles e The Gift. Esta última é unha banda portuguesa de rock alternativo formada en 1994. Inicialmente era un proxecto de Dead Souls, unha banda de Nuno Gonçalves e Miguel Ribeiro.