Viñetas desde o Atlántico Coruña 2017

O Salón Internacional do Cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, incidirá na súa vixésima edición no carácter pedagóxico e divulgativo da cita en relación á banda deseñada. Por vez primeira o evento, promovido pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, promoverá un percorrido especial arredor das distintas salas de exhibicións do Festival, co obxectivo de achegar o cómic a todos os públicos, en especial as máis novas e novos. Así, o folleto informativo desta edición --que se celebrará entre os días 7 e 13 de agosto-- incluirá un apartado especial deseñado para reunir o selo da visita a seis das exposicións do Salón, e as primeiras 500 persoas que se acheguen até a Rúa da BD co documento selado na súa totalidade, recibirán o catálogo conmemorativo deste 2017, ano no que Viñetas cumpre o seu 20 aniversario.

O Concello da Coruña editará 5.000 exemplares deste folleto informativo, que inclúe información sobre as exposicións deste ano e as súas localizacións, así como as conferencias e mesas redondas ou as sinaturas e actividades da Rúa da BD, que un ano máis se situará nos xardíns de Méndez Núñez. O documento conterá, como novidade, un apartado especial con seis espazos  nos que a veciñanza poderá certificar, coa axuda do persoal das salas, a súa visita a seis das sedes desta edición de Viñetas: o Kiosco Alfonso, o Pazo Municipal de María Pita, a Sala Municipal de Exposicións Palexco, a Casa de Cultura Salvador de Madariaga, a Sala AFundación e a Fundación Barrié; espazos nos que, precisamente, este folleto estará á disposición do público.

Deste xeito, tras cada visita, o persoal das salas de exhibición selará o documento de man ás persoas que así o desexen. Unha vez estea completo o documento acreditativo, a cidadanía poderá achegarse até as casetas de Información da Rúa da BD. Para esta iniciativa, o Concello dispón de 500 exemplares que se repartirán entre as primeiras 500 persoas que entreguen o folleto cos selos dos espazos anteriormente citados.

Viñetas desde o Atlántico contará, nesta edición, con sete sedes expositivas. Así, o Pazo de María Pita acollerá unha mostra coa obra do último Premio Nacional de Cómic, Pablo Auladell; o Kiosco Alfonso, a obra de Eduardo Risso, Ralph Meyer, Kiko Da Silva, Cameron Stewart e Julie Rocheleau; a Sala Municipal de Exposicións Palexco, o traballo de Bruno Chevrier (Nob), Rayco Pulido, Dave McKean e Natacha Bustos; a Casa da Cultura Salvador de Madariaga a proposta Da novela ao cómic, de Javi Rey e Ernest Sala, e o Fóra de Mapa de Emilio Fonseca, premio Castelao 2016; e a Torre de Hércules mostrará todos os carteis das distintas edicións de Viñetas desde o Atlántico. Ao circuíto de equipamentos municipais este ano súmanse dous espazos expositivos. Así, a Fundación Barrié acollerá Dez anos de Premio Nacional de Cómic, unha mostra pioneira na que a cidadanía poderá achegarse á obra dos últimos dez galardoados con este recoñecemento, entre os que se atopa Miguelanxo Prado, director do Salón; e Sala Afundación será a sede da mostra A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas.