Festas de San Roque Vilagarcía de Arousa 2017

A explosión festiva de San Roque arranca co Festiclown, pregón e concerto, como pratos principais da xornada

As Festas de San Roque arrancan hoxe, xoves 10 de agosto, cunha explosión de actividades que encherán de bulicio as rúas da cidade dende a mañá á noite. 

Cos pratos principais da animación de rúa das sesión matutinas e vespertinas do Festiclown, a lectura do pregón a cargo de David Seijo, a ofrenda floral e o concerto de “Presumido”, o programa inclúe outras moitos cousas, como o curso de clown ou unha edición especial da Mesa das Verbas. Aínda que a semana grande das festas vai do 10 ao 20 de agosto seguirá habendo actividades culturais, musicais e de lecer ata o domingo 27 de agosto.

O Festiclown inaugúrase cunha intensa axenda que, aparte do curso Formaclown, inclúe unha intervención social matutina cos nenos do campamento urbano municipal. O Desclowntrol nas rúas terá un primeiro pase ás 12 horas e outro ás 20 e correrá a cargo da compañía 
colombianaTchyminigagua, que porá en escena o espectáculo “Futurismo galáctico”. As 21:30 horas, a Praza de Galicia acollerá a primeira das actuacións da Mostra Internacional co espectáculo “Máis alto aínda” do dúo hispano británico Desastronauts.

A Praza de Ravella será o escenario, a partir das 21:30 horas, da sesión especial da Mesa das Verbas coa colaboración de Os Terribles de Arousa, Jose Luis Barreiro e Victor Castro e os seus sobriños

25 colectivos e asociacións realizarán as súas ofrendas a San Roque

O acto oficial de inicio das festas terá lugar ás 20.30 horas no Concello, coa lectura do pregón a cargo de David Seijo. A continuación, 25 colectivos sociais e asociacións culturais, musicais e deportivas do municipio desfilarán pola cidade ata chegar ao adro da igrexa parroquial santa baia de Arealonga para realizar as súas ofrendas ao santo patrón.
O último acto do día será o concerto no Parque da Xunqueira onde, a partir das 23:00 horas, actuará a banda galega “Presumido”.

DAVID SEIJO (pregoeiro)
David Seijo Sanmiguel leva anos traballando no mundo do cine e o teatro, aínda que se fixo popularmente famoso a raíz do seu papel de Ramiro na serie de televisión “El Barco”, protagonizada por outro galego, Mario Casas e por Blanca Suárez.
Seijo, de 34 anos, naceu e criouse en Vilagarcía, onde reside a súa familia e a onde segue vindo sempre que o seu traballo llo permite, pero especialmente, durante as festas de San Roque. Estudou no colexio da Lomba e formouse en Pedagoxía teatral na Coruña, once se iniciou no mundo do teatro profesional. Posteriormente continuou a súa formación en interpretación na prestixiosa escola Juan Carlos Corazza de Madrid.
No seu curriculum, destacan, ademais da súa participación na serie de Antena 3 “El Barco”, as súas aparicións en “Cuéntame” como “Benji”, nun episodio de “Aida”, nas producións da TVG “Dalia, a modista”, “Fontealba” e “O Farro”, así como na primeira coprodución de Galicia e Portugal, a serie “Vidago” da que é protagonista.
No cine, interveu na galardoada película “León y Olvido” e en “Afterparty”, entre outros traballos no teatro e en publicidade.

FUNDACION TCHYMINIGAGUA (Colombia)
Fundada en 1985, co obxectivo do traballo, coñecemento, identidade, e da esencia nunha linguaxe teatral para vivir e compartir unha misión cultural, social e política, dirixírona Manuel Neira, Venus Albeiro Silva e actualmente César Grande. O seu traballo é producido por dramaturg@s , directores/as, actores/actrices, acróbatas, bailaríns/bailarinas, músic@s , profesionais, autodidactas, formad@s integralmente na fundación. 
Prepáranse, ensaian, investigan e fortalecen a técnica teatral TCHYMINIGAGUA “Alegría, Ritmo, Forza, Enerxía, memoria, compromiso e política”. Unha linguaxe teatral, acrobática e circense, pola que son recoñecid@s internacionalmente, cunha invención propia patentada a nivel mundial (zancos en patíns), con máis de 40 obras e espectáculos escénicos de rúa, sala e espazos non convencionais, e un selo de calidade e identidade teatral a todo nivel en 30 anos de cultura popular de transformación social.

PRESUMIDO
A banda galega formada por Tarci Ávila e Nacho Dafonte, presentan o seu primeiro disco titulado “ Vendetta”. Inspirándose nos clásicos do xénero electro - pop como Depeche Mode ou Kraftwerk eles empapan a súa música con referencias máis contemporáneas como M83 ou Daft Punk e tamén os artistas electrónicos máis irreverentes coma Bjork ou Apparat, de forma que atopan un estilo propio que poderíamos definir coma uns Depeche Mode en español pasados de rosca.
Concerto patrocinado por McDonalds Rías Baixas