Hosted Buyers internacionais reuniránse con empresas galegas e españolas no marco de FairWay, Forum do Camiño de Santiago

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Compostela, será a sede deste grande evento profesional do 12 ao 14 de novembro

O seu formato consta de congreso aberto; feira de expositores; e workshop de reunións con turoperadores internacionais

A segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro.

Este evento, que quere ser un punto de contacto para todo o sector profesional arredor do Camiño, contará cunha importante presenza internacional.

Así, e ata o de agora, xa confirmaron a súa presenza máis de 30 turoperadores de 14 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Estes hosted buyers buscan empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubriren a súa demanda de produtos e servizos, polo que as xuntanzas con elas, no denominado workshop,  teñen un carácter marcadamente executivo.

Ademais, e do mesmo xeito ca un grupo de xornalistas especializados, os hosted buyers realizarán distintos viaxes de familiarización, nos que visitarán tramos do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.



Obxectivos de Fairway, Forum do Camiño de Santiago
Fairway, Forum do Camiño de Santiago, quere ser un espazo que aborda o fenómeno do Camiño en toda a súa amplitude.

Tralo éxito da súa primeira cita, celebrada no 2015, os seus organizadores aspiran a referendar o seu papel como punto de encontro dos profesionais que traballan arredor destas rutas. Para acadalo vai contar cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán amosar os seus  recursos e servizos; e o workshop xa apuntado que fornecerá reunións de intercambio comercial con destacados turoperadores internacionais.

Os organizadores queren salientar desta vez o papel dos vieiros que están bulindo e, para acadalo, prestan no seu concepto unha atención especial aos atractivos e problemáticas dos outros camiños distintos do Francés.

De xeito paralelo a Fairway, Forum do Camiño de Santiago, acontecerán unha serie de actividades de dinamización na capital galega, denominadas Fairway City.

Memoria da primeira edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago

O primeiro Fairway, Forum do Camiño de Santiago desenvolveuse no 2015 e contou, no seu   congreso, con 50 relatores de alto nivel; 50 expositores na feira; e máis de 100 empresas implicadas.

Durante as súas xornadas, realizáronse 1.200 citas de intercambio comercial entre empresas vinculadas ao Camiño de Santiago con máis de 25 turoperadores nacionais e internacionais.

Unha iniciativa desde o sector privado

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu da iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.

Conta con patrocinio principal de Correos e coa colaboración de Paradores e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.

Toda a información sobre este evento atópase no portal web www.fairwaysantiago.com