Programa Fairway, Forum do Camiño de Santiago 2017

A segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, reunirá desde este domingo aos profesionais que traballan arredor das súas rutas

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia vivirá do domingo 12 ao martes 14 un evento con  congreso, feira e workshop con turoperadores internacionais

A primeira xornada haberá actividades para todos os públicos, mentres que a segunda e terceira están preparadas para favorecer os contactos de negocio

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017. – A segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro, coa meta de ser o punto de encontro de todos os profesionais e interesados ao redor das súas rutas.

O evento presentouse no Parador Hostal dos Reis Católicos, coa presenza de Xosé Regueira Varela, deputado de Turismo da Deputación da Coruña; Marta Lois, concelleira de Turismo de Santiago de Compostela; Ángel Pérez, director territorial de Correos; e dos tres codirectores de Fairway: Ana Trevisani, Manuel Oreiro, y Tono Mugico.

Fairway vai contar cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán amosar os seus recursos e servizos; e un workshop que fornecerá reunións de intercambio comercial con máis de 25 turoperadores internacionais.

Feira profesional e workshop con turoperadores internacionais
A feira profesional contará cun 20 por cento máis de superficie ocupada para os seus 60 expositores titulares, con máis de 100 marcas presentes.

Ademais, no workshop de Fairway, os 36 profesionais de 27 empresas turoperadoras internacionais manterán 1.500 reunións de negocio con empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubrir a súa demanda de produtos e servizos.

Entre os sectores que contrataron o seu espazo na feira profesional están: Correos, axencias de viaxes, transporte de viaxeiros, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvemento de software turístico, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías, saúde para o peregrino ou representacións múltiples.

Tamén estarán presentes o goberno da prefectura de Wakayama (Japón), sede do Camiño Kumano Kodo; os departamentos de turismo de distintas comunidades autónomas; deputacións; concellos españois e portugueses; e agrupacións de concellos.

Pola súa banda, os turoperadores veñen de 14 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Do mesmo xeito ca un grupo de xornalistas especializados, os hosted buyers están a realizar viaxes de familiarización aos Camiño Inglés e Portugués.


Programa do Congreso de Fairway Forum do Camiño
O congreso, de acceso libre previa inscrición na web www.fairwaysantiago.com , celebrarase o luns 13  e o martes 14, namentres que o domingo 12 o evento contará cunha programación especial para todos os públicos, con actividades para nenos e familias.

O luns 13 o congreso iniciarase ás 10:00 horas coa mesa Camiño de Santiago: 30 anos do primeiro itinerario cultural, coa presenza de Segundo L. Pérez López, deán da Catedral de Santiago; María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa; e José María Ballester Fernández, ex director de Cultura, Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa.

A continuación, chegará a mesa A xestión pública coordinada do Camiño, é posible? que contará coas intervencións de Joaquín Palacín Eltoro, director general de Ordenación del Territorio del Gobierno de Aragón; Xosé Regueira Varela, deputado de Turismo da Deputación da Coruña; e Marta Lois González, concelleira de Turismo en Santiago de Compostela.

A tarde do luns, o evento programa o relatorio de Alessandro Scafi “On the way of heaven” ás 16:00 horas. Scafi é doutor en Historia Medieval e do Renacemento en The Warburg Institute, da Universidade de Londres.

Pechará a xornada a Fuorivia Egnatia, da man de Giulia Motta e Andrea Radouan Mounecif, presidenta e vicepresidente, respectivamente, da Via Egnatia.

O martes 14 de novembro a primeira sesión, ás 10.00 horas, tratará sobre Accesibilidade no camiño, coas intervencións de Rafael Sánchez Bargiela, xerente do Xacobeo; Beatriz Rubio del Campo, responsable de Iluniun Hotels; e máis de Jesús Hernández Galán, director de accesibilidade da ONCE.

A seguinte quenda será para Outros itinerarios culturais: espellos e reflexos, que recollerá experiencias de distintas rutas europeas. En concreto, contará con Simone Pettirossi, asesor do municipio de Asís; Rosário Correia Machado, directora na Rota do Românico portuguesa; e Pedro Manuel Monteiro Machado, presidente de Turismo do Centro de Portugal que abordará o caso de Fátima.

Ás 16:00 horas chegará a presentación de Encamiñando, a cargo de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; e de José Manuel Andrade, profesor na Universidade da Coruña e representante da mesma Fundación.

Por último chegarán os Retos do Camiño: da tradición á contemporaneidade; coas aportacións de de Mercedes Parrado, de Pulpería Ezequiel de Melide; Begoña Valdomar, hospitaleira no albergue de Fisterra; e Mónica e Silvana Crisóstomo, de Ideas Peregrinas Pilgrim Store.



Mesas de debate en Fairway. Un formato anovador 
Ademais dos relatorios no Congreso, Fairway Forum do Camiño de Santiago preparou unha serie de mesas de debate, nas que profesionais dos sectores privado e público poderán reflexionar e chegar a conclusións de modo conxunto sobre asuntos fundamentais das rutas a Compostela. Contan con 20 relatores e 50 asistentes como oíntes . Este formato quedou sen prazas rapidamente.

Serán as tardes do luns e o martes, ás 16:00 e 18:00 horas, dúas mesas cada día.

O luns 13, estas mesas centraranse na Capacidade de carga e capacidade de acollida no Camiño Francés e a Planificación, coordinación e dixitalización: Camiño Inglés. Xa pola tarde do martes 14, na primeira mesa traballarase sobre Investir no Camiño: Camiño Portugués; e, na segunda, Marca Galicia. Marca Camiño: Camiño de Fisterra-Muxía.

Ademais, Fairway conta con Fairway City. Un programa que complementará o evento ofrecendo actividades para os participantes que veñen de fóra e para os propios habitantes da cidade. Contará con música, fotografía, gastronomía, narración oral…

Por outra banda, a tipoloxía de firmas e institucións que contrataron o seu espazo na feira profesional é diversa. Non faltarán: Correos, axencias de viaxes, transporte de viaxeiros, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvedores de software turístico, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías, saúde para o peregrino ou representacións múltiples.

Actividades para todos

Humor con Carlos Blanco, contacontos con Sole Felloza, gastronomía con Manuel Garea, música relixiosa con Vox Stellae e tradicional con Adufeiras de Salitre, fotografía, debuxo escolar, xogos, un taller de cata… forman parte de Fairway City, unha oferta de contidos que pode verse na web www.fairwaysantiago.com, onde tamén é posible apuntarse ás propostas con límite de participantes.

Xa o domingo 5 de novembro chegou o maratón fotográfico Que ve a Catedral?, no que se tiraron imaxes dende a perspectiva da catedral compostelá.

O concurso de debuxo escolar “O meu camiño de Santiago” celébrase coa colaboración do departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. As nenas e nenos poden plasmar que significa “ser peregrino” ou a súa relación persoal co Camiño, e entregar o seu debuxo fisicamente ou dixitalmente. O prazo do concurso finaliza o 10 de novembro. A clase premiada e os gañadores individuais gozarán dunha viaxe no tren turístico de Santiago por cortesía de Autocares Rías Baixas. Os premios faranse públicos o domingo 12 de novembro.

A maior parte das actividades celebraranse o domingo día 12. A primeira xornada de Fairway, Forum do Camiño de Santiago está montada para todo tipo de público e, por iso, contará con distintas accións para familias e nenos, a gran maioría con acceso libre.

Así, poderase xogar e descubrir un xogo da oca do Camiño de Santiago, cun taboleiro de 4x4 metros, figuras de diferentes peregrinos a modo de fichas e dados de grandes dimensións.

A experiencia dunha rodaxe ofrece a posibilidade de coñecer aos protagonistas e responsables dos programas televisivos Buen Camino, de TVE, e Peregrinos, da TVG. Ás 11:30 horas.

O Palacio de Congresos acollerá a exposición do concurso fotográfico “Os valores do Camiño”, organizada por Correos e iPeregrinos. Precisamente, o domingo 12, ás 12:15 horas, desvelaranse as imaxes gañadoras do certame.

Tamén poderá visitarse, durante os tres días de Fairway, a exposición de fotografías "Camiño Branco - Camiño Antártico". Trátase dun total de 62 fotografías coas que Correos rende homenaxe aos científicos e militares españois que participaron na I Peregrinación Antártica a Santiago: 14.075 quilómetros, na ruta xacobea máis longa ata a data.

Carlos Blanco levará o humor á xornada de inauguración de Fairway coa súa particular visión sobre o Camiño de Santiago. Ás 13:00 horas, con entrada libre.

Dentro de Fairway tamén haberá un concurso de tortas de Santiago, as porcións das tortas presentadas venderanse a 1 euro, a beneficio da Asociación Española contra o Cancro. Pódense entregar ata o 10 de novembro e desde as 16:00 horas do domingo 12 o xurado avaliará e daranse a coñecer as gañadoras.

As Adufeiras de Salitre organizan un obradoiro de músicas no Camiño Portugués: de Lisboa a Compostela. Será o domingo 12, ás 17:00 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, cun prezo de 20 euros.

Xa ás 17.30 horas presentarase o libro "Apuntes Botánicos del Camino de Santiago", do enxeñeiro de montes Santiago Soria Carreras.

Ás 18:00 horas, contacontos para nenos. Soledad Felloza abordará Palabras máxicas para camiñantes; serán contos e historias para percorrer o mundo.

De camiño, probamos un viño? é unha cata comentada para coñecer mellor a cultura e as características do Camiño de Santiago a través dos viños gallegos, un mundo vinculado ao territorio, á paisaxe, á tradición, ao clima, á historia... Esta actividade, levada desde a viñoteca Vide-Vide, ten un custo de 20 euros e comezará ás 18:30 horas.

A Igrexa das Ánimas acollerá o domingo 12, ás 20:00 horas, un concerto de Vox Stellae. Baixo a denominación de In festo Sancti Jaobi, o repertorio que se interpretará neste concerto pretende ser unha escolma das composicións dedicadas a Santiago desde o século XII ata o século XVIII, incluíndo música dos arquivos das catedrais galegas de Santiago de Compostela e Tui; e obras de grandes autores do renacemento.

Obradoiros de pans tradicionais e repostaría do Camiño, con Manuel Garea

Con motivo de Fairway realizaranse un taller de pans tradicionais e artesáns de Galicia e outro de repostaría tradicional do Camiño, co cociñeiro Manuel Garea. O de pans será o domingo 12 de novembro, ás 16:00 horas, na sede de Hello Cooking (Rúa de Sar, 96, baixo), cunha cota de inscrición de 35 euros. Pola súa banda, o de repostaría tradicional será na aula gastronómica do Mercado de Abastos, o martes 14, de 17:00 a 21:00 horas, e o seu prezo é de 45 euros.

Unha iniciativa desde o sector privado

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu da iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.

Conta co patrocinio principal de Correos; a colaboración institucional da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago; e máis o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.

Toda a información sobre este evento atópase no portal web www.fairwaysantiago.com