Pulperia moderna de Manuel Domínguez no Mercado Gastronómico de Galicia

O primeiro Mercado Gastronómico de Galicia contará entre a súa oferta gastronómica cunha pulpeira moderna da man da estrela Michelín Manuel Domínguez 


Os promotores do primeiro Mercado Gastronómico de Galicia, que abrirá as súas portas no vindeiro mes de febreiro en Santiago de Compostela, asinaron con Casa Gazpara un contrato de adhesión ao Mercado esta mañá na capital galega. Casa Gazpara é a casa de comidas máis  senlleira de O Carballiño,  -recoñecida pola súa tradición pulpeira; cuna de pulpeiras e creadoras da receita do pulpo á feira-, que uniu a súa recoñecida marca “A Pulpeira”,  de distribución de pulpo,  co cociñeiro carballiñés Manuel Domínguez, propietario do restaurante madrileño Lúa que conta cunha estrela Michelín dende hai tres anos.  
Chef Manuel Domínguez

Co acordo asinado esta mañá con Casa Gazpara o novo Mercado Gastronómico de Galicia incorporará a súa oferta gastronómica un posto de restauración adicado ao pulpo de máxima calidade, e estará liderado polo chef Domínguez, quen fai do pulpo unha fusión de receitas tradicionais e vangardistas. “É para nós un orgullo contar cunha estrela Michelín no seo do noso Mercado, que ademais constitúe o mellor embaixador do pulpo da nosa terra e contar ademais coa garantía dun pulpo de primeira calidade de ‘A Pulpeira’, distinguida polo instituto internacional do Sabor e da Calidade -iTQi- con tres Estrelas de Ouro”, salientou o xerente Benigno Sánchez refiríndose ao chef Domínguez, socio de Casa Gazpara. Ademais, Casa Gazpara foi distinguida recentemente polos Great Taste Awards 2017, galardóns que se otorgan no Reino Unido aos produtos de mellor calidade a nivel internacional e que son coñecidos como o Óscar da Alimentación. .  

Tal e como explica Sánchez, nesta pulpeira do Mercado, por unha banda, cocerase pulpo in situ para servilo diariamente ao xeito mundialmente coñecido como “á feira”, para que se coñeza un dos artes máis tradicionais da cociña galega.  Doutra banda, constituirase como unha pulpeira moderna na que se  traballará tamén o pulpo cocido, da marca “ A Pulpeira”,  innovando constantemente o recetario da man do cociñeiro Manuel Domínguez. “Non concebíamos o noso Mercado sen o pulpo, o produto estrela da nosa gastronomía, e sen o concepto de pulpeira moderna, onde os comensais poidan contemplar ao modo de showcooking como se pica e preparan as racións”, engande o xerente do gastromercado.  Na firma do contrato, explicouse ademais que os visitantes ao Mercado terán a oportunidade de mercar o pulpo para levar aos seus domicilios.