Xornadas Lacónicas 2018 en Coruña

Apertura plazo para inscrición en A Coruña que celebrará entre os días 5 e 18 de febreiro as III Xornadas Lacónicas, dedicadas ao lacón con grelos

O Concello abre desde hoxe e ata o vindeiro día 21 o prazo  de inscrición para os establecementos interesados en participar na terceira edición das Lacónicas, as xornadas gastronómicas do lacón con grelos que impulsa a área de Turismo, que dirixe o concelleiro  de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e que no 2018 celebraranse entre os días 5 e 18 de febreiro. O seu obxectivo, segundo indica o edil, é potenciar a cidade como destino gastronómico durante o Entroido coruñés a través do menú característico e popular da época, a laconada, dentro da aposta pola gastronomía como unha das liñas estratéxicas en materia turística.

Tal e como se recolle nas bases, poderán participar nestas xornadas "establecementos de hostalería da cidade que, pola súa traxectoria profesional e proposta gastronómica, encaixen na temática das xornadas". Cada un dos locais participará cun único menú,que deberá ser elaborado, principalmente, con produtos galegos, e composto dun primeiro prato tradicional, que será sopa ou similar, un prato principal, composto por unha laconada, e sobremesa, que incluirá filloas e/ ou orellas, ademais de bebida (auga, refrescos ou adega de denominación galega) e café. O prezo dos menús debe oscilar entre os 15 e os 30 euros (IVE incluído).

Poderán participar nas Lacónicas un máximo de 30 establecementos.  As bases de participación, que é gratuíta, poden consultarse na páxina web www.turismocoruna.com, onde tamén está dispoñible o formulario de inscrición.