Mural de porcelana de Sargadelos para o Mercado Gastrogalaico La Galiciana

O PRIMEIRO MERCADO GASTRONÓMICO DE GALICIA LUCIRÁ UNHA EXCLUSIVA FACHADA MURAL DE PORCELANA DESEÑADA POR SARGADELOS

O mural, realizado coa técnica do estarcido, representará escenas típicas das actividades produtivas tradicionais de Galicia

O Mercado Gastrogalaico La Galiciana asinou a semana pasada un acordo coa Fábrica de Cerámica de Sargadelos mediante o cal o Grupo Sargadelos realizará un singular mural de porcelana para a
fronte do primeiro mercado gastronómico de Galicia, sito na compostelá rúa de Gómez Ulla.

Deste xeito, La Galiciana, que agarda abrir as súas portas en abril na capital galega, contará cunha gran fachada mural de máis de 16 metros de ancho e 4 metros de alto, composta de placas de porcelana das mesmas características e propiedades que as emblemáticas figuras e vaixelas da marca galega. Tal e como sinala o xerente de La Galiciana, Benigno Sánchez, “quixemos dotar á nosa fachada de personalidade a través dun exterior de simboloxía galega que sexa unha representación da súa esencia e do seu interior, con motivos figurativos das actividades que o abastecerán de produtos de primeira calidade e que son o sustento da riqueza identitaria galega, coma a pesca, o marisqueo, a agricultura ou a viticultura . “

Sargadelos xa comezou co traballo de deseño do mural empregando materias primas de gran pureza cocidas a máis de 1400ºC e agárdase que comece coas tarefas de montaxe da fachada na primeira quincena de marzo. No mural empregáronse tres cores: dúas tonalidades de gris, -un máis escuro para perfilar as figuras e outro máis claro para o fondo-, e o característico azul cobalto de Sargadelos.
“ A decoración aplícase baixocuberta, por debaixo da capa vitrificante que protexe a peza, polo que non se verá afectada polas inclemencias meteorolóxicas nin o paso do tempo. A técnica empregada é a do estarcido que consiste en facer pasar a pintura cun aerógrafo a través dunhas plantillas recortadas cas formas que queremos debuxar, as zona cubertas quedan brancas e os motivos quedan marcados na cor que se lle aplica ”, explica Alberto Moreda Tejedor, Director de Marketing y Ventas de Sargadelos. “ Para o deseño do mural inspirámonos pola propia actividade do Mercado. Tratamos de
representar o dinamismo dun mercado acudindo dunha forma simbólica e ambivalente ás distintas actividades que o abastecen de produto. Así podemos ver, intercalados polo medio dun fondo xeométrico abstracto, a xente mariscando, pescando, loitando co mar ou ben traballando na terra, cultivando o produto, recolleitando os seus froitos, sempre podendo variar a súa interpretación segundo o prisma que empreguemos”, Esta exclusiva fachada da primeira grande superficie comercial do casco urbán compostelán, agárdase que estea rematada a finais do mes de marzo, en paralelo ás obras do interior, para poder abrir o Mercado ao público en abril.