Petróglifos de Viascón

Cerdedo-Cotobade conserva numerosos restos prehistóricos, como mámoas, castros e petróglifos. Os máis destacados, ademáis do de Fentáns, son os complexos rupestres localizados nas parroquias de Viascón onde se atopan os gravados rupestres de Pedra do Lombo da Costa, Laxe do Cuco e a roca de Portela da Laxe.


Portela da Laxe: Parte dos Petróglifos de Portela da Laxe foron destruídos no último cuarto do século XX como consecuencia das obras de ampliación da estrada que une Pontevedra e Ourense. Dos seis conxuntos que había quedan dous. A rocha principal está situada na parroquia de Viascón a menos de 100  metros do quilómetro 15 da estrada N-541. Trátase dunha gran rocha a rentes do chan que mide 7,80 m. de longo por 2,80 m. de ancho. Nela destacan os gravados con combinacións circulares, cadrados recheos de puntos, paletas e unha interesante cruz esvástica no punto medio da metade esquerda. O outro grupo da estación son dúas rochas que presentan combinacións circulares. Unha é alongada, de 6 m de longo por 1,60 m. de ancho, e a outra é mais pequena, de 2,50 por 1,70 metros, aproximadamente.

Laxe das Rodas do Lombo da Costa: Tamén en Viascón subindo 400 metros dende N-541 por unha empinada pista forestal, encontramos a Pedra do Lombo da Costa. Nesta rocha destaca a combinación de grandes círculos con pequenas figuras zoomorfas. Estas últimas aprécianse ben só con luz solar rasante, xa que soamente con esta luz percibimos as figuras co gravado máis suave.