Datos de los visitas en Ferrol durante la Semana Santa 2018

Nos días festivos da pasada Semana Santa, as dúas oficinas de turismo do municipio, sitas na Praza de España i en Ferrol Vello, asistiron a un total de 776 turistas. O 80% dos visitantes procedían do Estado e o 20%, doutras nacionalidades e o seu destino principal foi o Castelo de San Felipe, xa que a fortaleza rexistrou un total de 1.810 visitas na pasada semana.

A fortaleza de San Felipe segue a ser o baluarte turístico de Ferrol, de aí os esforzos do Goberno local por continuar avanzando na súa posta en valor con varias liñas de investimentos, con fondos propios, achegas doutras Administracións e mesmo da UE, a través do proxecto Espazo Atlántico.
Cómpre destacar que polas dúas oficinas, especialmente a de Ferrol Vello, pasaron 230 persoas que iniciaban na nosa cidade o percorrido a Compostela polo Camiño Inglés.
Este dato é indicativo do tirón turístico que ten esta vía como reclamo para a nosa cidade, que redunda na promoción da contorna xa que son visitantes que pernoctan na cidade, e aproveitan a estadía para visitar os arredores. Non obstante, o dato non é representativo do número total xa que son moitas as persoas que se documentan nas redes e non acoden a oficina, co cal, resulta difícil cuantificar o número mais exacto pero que se estima moi superior.

As principais comunidades autónomas de orixe das xentes que nos visitan nesta época do ano son Madrid, Galicia (Pontevedra e A Coruña principalmente), Asturias, Castela-León (en especial Burgos, Salamanca e Segovia) e País Vasco, encabezado por Bizkaia.

En canto á procedencia do turismo internacional esta semana Santa destaca Alemaña, cun 17'53%, UK co 16'72%, Italia o 12'19%, Portugal cun 15'52%, USA o 7'15% e Irlanda co 6%. Achegámosvos, tamén, os datos relativos ao número de visitantes dos seguintes centros durante a Semana Santa:

Castelo de San Felipe: 1.810 persoas
Exponav: 1501
Museo Naval: 1295
Museo Historia Natural: 514
Torrente Ballester: 121
Aula Ecolóxica Urbana: 45 
Aquaciencia: 425
Paseos en barco pola ría: 120

Sinalar que, algúns días e debido ao mal tempo, tiveron que cancelarse os paseos en barco, visitas teatralizadas a San Felipe, do mesmo xeito que os percorridos en taxi polo litoral de Ferrol. Fundamentalmente nas xornadas do Xoves e Venres, por mor das intensas choivas e o forte vento. Moi exitosas, resultaron, malia o tempo, os roteiros guiados (e teatralizados) polo Ferrol Modernista.


Para estas datas, a Concellería de Turismo fixo un esforzo na edición e reparto por distintas oficinas turísticas de Galicia e Noroeste peninsular de 8.000 folletos en castelán e galego, centrados no Ferrol da Ilustración, na oferta cultural e museística da cidade, no ocio activo e no potencial do municipio como destino de surf e deportes de aventura (BTT, parapente, bautismo de surf en Doniños, kayak pola ría de Ferrol..) sen esquecer a oferta hostaleira e gastronómica.