César Lumbreras persoeiro de Honra 2018 da DO Ribeiro

CÉSAR LUMBRERAS RECIBIRÁ O GALARDÓN ‘PERSOEIRO DE HONRA 2018’ DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RIBEIRO
  
A sétima edición dos Premios D.O. Ribeiro celebrarase o 26 de xuño no histórico Mosteiro de San Clodio
  
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro celebrará a sétima edición da súa Gala de Premios o martes 26 de xuño polo serán, nos claustros do Mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense).
  

 O xornalista César Lumbreras recollerá o premio “Persoeiro de Honra” da D.O. Ribeiro, pola súa longa andaina de compromiso co mundo agrario e de difusión da excelencia dos seus produtos.
  
 O evento servirá para gozar dos viños da Denominación máis antiga de Galicia e nel estarán os profesionais que os levan adiante e que os divulgan: adegas,  colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación, prescritores… Esta festa da viticultura conta co atractivo adicional de celebrarse no emblemático Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas variedades autóctonas.

César Lumbreras dirixe e presenta desde 1984 o programa Agropopular de COPE, espazo semanal senlleiro de información agraria. Mercados agrícolas, a incidencia da Política Agraria Común no sector, os problemas do campo, consellos útiles… son algúns dos seus contidos habituais. Ademais, Lumbreras colaborou con distintos medios como El País, ABC ou, actualmente, La Razón.
  
 Sucede deste xeito a Sarah Jane Evans, Master of Wine, xornalista e escritora británica premiada en 2017; a Cristino Álvarez, gañador en 2016; aos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrella Michelin, distinguidos en 2015; e ao sumiller Josep Roca (El Celler de Can Roca), quen se achegou ao Ribeiro a recoller o “Persoeiro de Honra” no 2014.
  
 Ademais do premio xa apuntado, na Gala da D.O. Ribeiro vanse entregar galardóns nas categorías: “Mellor tarefa de comunicación”; “Muller e Viño”; “Vida entre Vides”; “Mellor viño branco de adega”; “Mellor viño branco de colleiteiro”; “Mellor viño tinto”; “Mellor servizo de viño en restaurante”; “Mellor tenda especializada – viñoteca” e “Mellor taberna - bar de viños”.
  
  
Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

 A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente está conformada por 115 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.
  
 A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.232 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores.

A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.
                                                                            
 A produción da colleita 2017 na Denominación de Orixe foi de 9,5 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.