Ruta Xoves no Camiño de Turismo de Baiona para dar a coñecer o Camiño Portugués da Costa

A Concellería de Turismo de Baiona volve apostar pola iniciativa gratuíta " Xoves no Camiño" para dar a coñecer o Camiño Portugués da Costa

Tras o éxito do ano pasado, a Concellería de Turismo de Baiona volveu a apostar pola iniciativa “ Xoves no Camiño”, o programa posto en marcha por primeira vez o ano pasado para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa polo municipio.

A primeira ruta comezará o vindeiro xoves, 19 de xullo. Así, todos os xoves desde esa data e ata o 30 de agosto,  baioneses e visitantes poderán gozar desta ruta. O punto de partida será a oficina de turismo ás 10:00 h.  O percorrido será en dirección á Praza de Santa  Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel  Valverde, cale Conde e O Burgo,  a praza Vitoria   Cadaval de  Sabarís,  finalizando o traxecto na Igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada da ruta é de 1 hora e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros. A dificultade do traxecto é baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar. As prazas son limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).

Esta iniciativa gratuíta xorde para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, novena ruta de peregrinación declarada oficial hai dous anos, ao seu paso por Baiona.

A Concellería de Turismo organiza un programa completo de rutas por Baiona co obxectivo de por en valor o patrimonio cultural e artístico. Doutra banda, celebrarase as visitas habituais polo centro histórico a partir de 18 de xullo e ata o 29 de agosto. Serán os mércores e sábados, ás 11:00 horas, desde a Oficina de Turismo.

Os participantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural da Vila acompañados por unha guía oficial. As visitas son gratuítas e non é necesaria a inscrición previa polo que aqueles interesados en percorrer os monumentos de Baiona tan só teñen que presentarse á hora indicada na oficina de turismo situada enfronte do Paseo Ribeira.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento “Encontro Entre Dous Mundos”, o Paseo Ribeira e o Centro histórico.