Concurso arqueogastronomía Concello Vimianzo
CONCURSO DE ARTIGOS XORNALÍSTICOS SOBRE
ARQUEOGASTRONOMÍA CONCELLO DE VIMIANZO
O Concello de Vimianzo, a través da iniciativa “Do mar á terra”, quere impulsar a
posta en valor da cultura gastronómica da bisbarra, as súas características, as súas
raíces e as súas posibilidades como elemento diferenciador.
Vimianzo, a capital
de Soneira, é unha encrucillada de camiños que ulen a mar xa que por aquí pasan
as rutas que nos levan a portos coma os de Camariñas ou Laxe e Muxía ou
Fisterra. Os diferentes restaurantes e casas de comidas do municipio soneirán, son
o lugar axeitado para degustar produtos xenuínos da Costa da Morte.
Por outra banda, no ADN de Vimianzo está presente a pegada da historia. Dende
os castrexos aos habitantes do castelo vimiancés ou da fidalguía e nobreza que
deron nome aos numerosos pazos presentes na contorna, existe unha fonda
relación cos hábitos alimenticios e o mar. Segundo diferentes investigacións
arqueolóxicas, nos nosos castros hai restos que proban o consumo de moluscos ou
mariscos que proceden do mar e dunha pesca absolutamente artesanal e incluso
rudimentaria. É por iso, entre outros motivos, que Vimianzo se configura coma a capital
da gastronomía castrexa da Costa da Morte.
Grazas ao proxecto “Do mar á terra” os hostaleiros da volta, respaldados polo Concello,
traballan na recuperación de receitas e métodos de cociña no que se mesturan a historia,
o sabor xenuíno e o produto da Costa da Morte, creando incluso un espazo para a
actualización de receitas ou a experimentación cos ingredientes que tiñan ao seu alcance
os habitantes dos castros. Con isto preténdese brindar a oportunidade ao comensal de
experimentar unha viaxe no tempo a través dos sabores e as texturas que, como
patrimonio e acervo cultural, quedaron acubillados no silencio dos restos arqueolóxicos
que atopamos na terra soneirana.
A importancia dos comunicadores coma axentes divulgadores da cultura e dos
acontecementos non é allea a este interese por divulgar o atractivo da gastronomía
tradicional feita con rigor e calidade. É por isto que o Concello de Vimianzo convoca o
“Concurso de artigos xornalísticos sobre arqueogastronomía Concello de Vimianzo”.
Este certame premiará os mellores traballos xornalísticos publicados no ano actual que
destaquen calquera tipo de aspecto positivo relacionado coa gastronomía tradicional
vencellado á historia, ao mar da Costa da Morte ou á arqueogastronomía galega –
disciplina que estuda os hábitos alimenticios ao longo da historia ou pon en práctica
receitas ou o uso de ingredientes culinarios xenuínos a raíz da información obtida nos
restos arqueolóxicos
