Mozas
e Mozos despídese co festival ‘A última trasnada’
Trampoline,
Xenderal, Furious Monkey House e Camarada Nimoy tocarán o 4 de xullo no Aturuxo
A Asociación Mozas e Mozos de Beluso di adeus o vindeiro 4 de
xullo co festival ‘A última trasnada’, que se celebrará no bar Aturuxo (Bueu) con
entrada de balde. Catro bandas galegas actuarán nunha xornada coa que a
organización quere agradecer o seu apoio a todas as persoas que participaron
das actividades realizadas ao longo de máis dunha década, en especial á
veciñanza da vila e á xente que pasou polo colectivo.
A música comezará a soar ás 13 horas na sesión vermú da man de Trampoline,
banda de folk acústico enraizada nos sons americanos. Os concertos continuarán
pola tarde, a partir das 18 horas, co estilo ragga de Xenderal, nome artístico
do tamén rapeiro Carlos Gende.
A continuación chegará a sorprendente proposta de Furious Monkey House, grupo
de rock pontevedrés cuxos integrantes teñen arredor de dez anos pero que xa
gravaron o seu primeiro álbum nos míticos estudos Abbey Road de Londres.
Pechará a xornada Camarada Nimoy en formato reducido, unha banda que bebe de
xéneros coma o surf, o swing, o jazz ou o lounge.
15 anos de actividades
Mozas e Mozos botou a andar en 1997 por iniciativa dun grupo de xente nova que
buscaba dinamizar a vida cultural e comunitaria da parroquia e do municipio. Un
dos seus grandes fitos foi a recuperación da Festa dos Mozos de Beluso, que
despois evolucionaría cara o festival ‘A Noite do Trasno’, un evento que ao longo
de seis edicións reuniu a milleiros de persoas no espazo natural de Cabo Udra.
No entanto, ao tempo ca estas citas destacadas e tamén con posterioridade,
a Asociación organizou actividades de teatro, cine, cantautores, astronomía,
charlas, magostos ou exposicións que marcaron a axenda cultural da vila, alén
de colaborar con diversos colectivos e institucións, sempre procurando conxugar
innovación e tradición.