Aumento de visitas turísticas en Ferrol

As dúas oficinas municipais de turismo, situadas na Praza de España e Ferrol Vello- atenderon este verána case 14.000 turistas, cifra superior á tempada do 2017 (10.600 persoas) o que ven a confirmar as boas sensacións turísticas que nos deixa este verán que se achega ao seu final con moreas de visitantes que se achegaron a descubrir Ferrol, desde a costa ao noso fermoso centro histórico.

Dos datos obtidos este verán nas oficinas de turismo, chama a atención que 3.966 persoas foron peregrinos do Camiño Inglés (o 28,37%), unha cifra moi superior a do pasado 2017, con 2694 persoas que iniciaron en Ferrol o Camiño a Compostela, mostra clara do altísimo tirón e impacto local que está a ter esta vía especialmente entre os cidadáns de Italia. 

Doutra banda, e con respecto a procedencia dos que nos visitan, a proporción entre turismo nacional e internacional varía pouco dun ano a outro, situándose o turismo nacional uns puntos por encima do 70% e o turismo internacional en torno ao 21-22%, cun incremento crecente.

En canto á orixe dos turistas nacionais, Madrid segue estando á cabeza, pero este verán houbo un incremento de turistas e visitantes de Andalucía (13,18% en agosto 2018, fronte ao 10.12% de agosto 2017 e 18,61% en xullo fronte ao 8,68% de xullo 2017) e da Comunidade Valenciana (8,63% fronte ao 6.87% de agosto do 2017 e 5,44% en xullo 2018 fronte ao 4,32% de xullo 2017). Castela-León e o turismo interno de Galicia mantéñense en cifras similares a anos anteriores. Con todo, este agosto houbo unha diminución dos visitantes de Cataluña de algo máis do 2%, repuntando de novo na 1ª quincena de setembro ata o 9,67%, por encima de Andalucía e Valencia.

Os italianos foron os turistas internacionais que máis visitaron Ferrol este verán ( practicamente a metade da cifra total en agosto e o 32% en xullo), feito que xa ocorreu o verán pasado.

Por último, atendendo aos intereses principais dos turistas que visitaron Ferrol este verán o patrimonio foi o reclamo principal de practicamente a metade deles (49,31%), seguido dos museos (39,31%) e das praias e natureza (29,39%).

E, facemos fincapé en algo que chama poderosamente a atención é que unicamente o 0,5% dos que pasaron polas oficinas fixaron o seu interese no surf. ¿Qué acontece? Que a realidade das nosas praias proba o contrarios, xa que abundou o turismo ligado ao surf. Confirma que son miles os visitantes que chegan a Ferrol con información de blogs específicas de viaxes e a través das redes que non adoitan pasar polas oficinas co que é complicado cuantificar con certeza cal puido ser a cifra total de visitantes deste verán en Ferrol.  

A vista destes datos, o concelleiro de Turismo, Suso Basterrechea, manifestaba a súa fonda satisfacción por unhas cifras que, sen ser exactas, reflicten que Ferrol está a medrar notablemente na súa expansión turística e poñer o foco no potencial  que ten o Camiño Inglés, un recurso que hai que mimar e coidar polo seu gran potencial como escaparate da beleza de Ferrol a través dos ollos dos peregrinos, que chegan, ven, regresan e contan. Moitas veces, repiten e arrastran con eles a outros tantos novos visitantes.


Lembraba, asemade, que a área de Turismo que encabeza ven de estrear unha nova ferramenta web trilingüe que concentra toda a oferta turística do municipio, www.visitferrol.com

Polo miúdo, van a cifras das oficinas, actividades turísticas e ocupación hoteleira.

Oficinas turísticas municipais:

Este verán as oficinas municipais de turismo de Ferrol atenderon a 13.976 persoas, das que 9.235 ( 66% ) foron turistas/visitantes, 3.966 (28,37%) peregrinos e, o resto, consultas locais. O turismo nacional supuxo o 70,78% e o internacional o 21,52% nos meses de maior afluencia de xullo e agosto. Con todo, nos días que levamos do mes en curso o turismo internacional disparouse ata o 37,58%.

Entre os turistas nacionais que máis nos visitaron en xullo e agosto, por comunidade de orixe, destacaron as seguintes: Madrid (26,81%, chegando en agosto ao 28,82%), Andalucía (15,89%, sendo en xullo o 18,61%), Castela-León (7,7%, chegando en xullo ao 9,62%), Galicia (7,09%), Comunidade Valenciana (7,03%), Cataluña (6,83% alcanzando o 8% en agosto), País Vasco (5'5%, subindo 2 puntos en agosto, ata o 7,27%), Castela a Mancha (5,18%) e Asturias (4,56%, sendo en xullo o 5,61%). Nos días de setembro segue habendo unha maior presenza de madrileños, pero xa seguidos dos turistas procedentes de Castela-León (13,62%), Cataluña (9,67%) e logo de Andalucía e Valencia (ambas as comunidades cun 9,12%). Pola súa banda, o turismo interior, da propia comunidade galega, aumenta ao 8,85%.

Os turistas internacionais que máis elixiron Ferrol en xullo e agosto proceden de Italia (38,92% chegando ao 44,99% en agosto); seguidos de Alemaña (10,98% chegando ao 13,26% en xullo); Francia (10,35%); UK (7,11%, chegando en xullo ao 9,43%); Portugal (5,85%, subindo 2 puntos en agosto ata o 7,96%). Nos días de setembro o ránking do turismo internacional non varía, estando á cabeza Italia novamente (25,69%), Alemaña (13,69%), Francia (10,10%), UK (9,88%) e Portugal (6,2%). En canto á idade, a gran maioría dos turistas e visitantes de Ferrol teñen entre 31 e 60 anos (62%), seguidos dos menores de 30 anos, que foron o 22,80% e, por último, os maiores de 60 anos supuxeron o 15%, experimentando este grupo de idade un aumento en setembro ata o 19,8%, en detrimento de os menores de 30 que baixan ao 16%.

Á pregunta de como coñeceron Ferrol, o 27,38% por un blogue de viaxes, chegando a cifra ao 47,51% en xullo; o 17'47% a través dunha revista de viaxes; un 11,90% por amigos e familiares, aínda que en agosto foi o 14,76%; o 6,84% ao viaxar con axencia de viaxes, sendo o 10,66% en xullo; o 4,78% grazas á presenza nas redes sociais (en agosto esta porcentaxe foi superior ao 8%); o 1,90% por rádioa/TV (en agosto a cifra subiu ao 3,76%). Na 1ª quincena de setembro, o principal medio de coñecemento do destino foron as revistas de viaxe (27,51%), seguidas de recomendacións de amigos e familiares (14,6%), das redes sociais (9,03%) e dos blogues de viaxes (8,73%). Entre os turistas de agosto, case un 20% volveu a Ferrol tras unha visita anterior. Esta cifra redúcese ao 14,17% en setembro e ao 7,44% de xullo.

Os turistas e visitantes de Ferrol mostraron interese, por orde nos seguintes aspectos: patrimonio (49,31%), museos (39,31%), praias e natureza (29,39%, chegando ao 32,39% en agosto), eventos culturais (23,13% destacando xullo con case o 29%), gastronomía (17,37%, subindo 3 puntos en agosto ata algo máis do 20%), ruta polas Rías Altas (15,31%, sendo en agosto do 21,66%), festas (2,81% sendo o 4,21% en agosto, cando son as festas de Ferrol), turismo activo (3,%), mentres que só o 0,5% manifestou vir especificamente para a práctica do surf.

Ocupación media xullo e agosto: A ocupación media do mes de xullo foi do 80% e en agosto rozou o 90%, tomando como referentes os aloxamentos hoteleiros de 3 ou mais estrelas. Algúns establecementos, no mes de agosto, estiveron en ratios de ocupación do 95%.

Actividades turísticas:  A falta de engadir ao cómputo total os datos das últimas visitas de setembro, máis de 1500 persoas participaron nas visitas guiadas ao Ferrol da Ilustración: o Arsenal militar, ao estaleiro de Navantia, o palacio de Capitanía e as visitas teatralizadas ao Castelo de San Felipe, desenvolvidas en xullo e agosto, polos guías.

O número de visitantes ao Castelo de San Felipe ascendeu a 15.300 persoas só nos meses de xullo, agosto e primeira semana de setembro constituíndo, un ano máis, o monumento máis visitado de Ferrol.

Outros lugares emblemáticos do Ferrol da Ilustración son os dous museos navais de Ferrol:

-EXPONAV recibiu un total de 10.332 visitantes desde xullo ao 12 de setembro e o Museo Naval, a pesar de contar cun horario máis limitado, chegou ás 10.240 persoas.

-Doutra banda, a empresa local Secret Galicia organizou todos os xoves do verán a ruta “Do mar ao prato”, que tivo unha boa acollida, cun total de 120 participantes.